post

Mais Porvir promove a inserción laboral de persoas con discapacidade coa contratación de dous auxiliares de limpeza

Os traballadores/as participaron previamente nunha acción formativa coordinada por Inserta Empleo e co-financiada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil, o Fondo Social Europeo (FSE) e a Fundación ONCE

A semana pasada, o Centro Especial de Emprego MAIS PORVIR Xestión Social procedeu á contratación de dúas persoas con discapacidade para a realización de tarefas de limpeza e mantemento de instalacións. Os traballadores/as son dous dos alumnos/as que participaron na acción formativa “Experto en limpeza de inmobles”, impartida pola entidade do 23 de novembro ao 11 de xaneiro deste ano.

O curso, co-financiado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil, o Fondo social Europeo (FSE) e a Fundación ONCE, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, estivo coordinado pola asociación Inserta Empleo e contou cunha duración de 150 horas, na súa maioría de carácter práctico.

O obxectivo desta formación, dirixida a persoas desempregadas con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33% ou incapacidade permanente recoñecida en grado total, absoluta ou gran invalidez,  consistiu en proporcionar ao alumnado os coñecementos e recursos necesarios para o desempeño das tarefas de limpeza e desinfección diaria de inmobles en tempos da Covid. Os resultados acadados foron moi positivos e agardamos que se traduzan en novas contratacións.