post

Íntegro amplía o seu cadro de persoal a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil

A nova traballadora, técnica en Educación Infantil, permanecerá en Íntegro ata o vindeiro mes de xuño grazas a unha subvención concedida polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia

O Centro de Recursos de Íntegro está a experimentar un crecemento constante no volume de actividades e programas dirixidos a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de mellorar así a súa calidade de vida e acadar a plena inclusión na sociedade. Dita ampliación da oferta formativa leva parella, ademais dun notable incremento de contidos en materia de capacitación, emprego ou sensibilización social, a ampliación do noso cadro de persoal para atender unha demanda cada vez maior, máis esixente e con novas necesidades. Así, desde a entidade de Nantón (Cabana) apostamos pola formación continuada dos nosos traballadores/as e a adhesión a programas de cooperación que promovan a contratación de novos profesionais destinados a favorecer a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.

Neste sentido, o pasado día 15 o noso cadro de persoal viuse ampliado grazas á incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha técnica especialista en Educación Infantil contratada a través dun programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional daqueles mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dentro do ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está co-financiada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ao longo dos vindeiros sete meses, a nova profesional encargarase de levar a cabo a planificación, deseño e desenvolvemento dalgúns dos talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional, así como da formación das persoas con diversidade funcional que asisten de forma regular aos nosos obradoiros ocupacionais e das que participan esporadicamente nalgunha acción formativa concreta ao longo do ano. Ademais, participará activamente no noso programa de ocio e tempo de lecer para complementar e ampliar os servizos prestados polo equipo de monitores/as. Un axuda extra que será ben recibida tendo en conta que nos últimos meses incrementouse o número de usuarios/as chegando a situarse na actualidade en 42 persoas.

Funcións

  • Organización e desenvolvemento de talleres de artes manuais (bixutería, elaboración de xabóns, pintura…).
  • Realización de obradoiros de formación e capacitación (escola de adultos, novas tecnoloxías, formación especifica para a ESA, competencias clave…).
  • Programa e avalía os procesos educativos.
  • Desenvolvemento de actividades destinadas á creación de hábitos para o fomento da autonomía.
  • Realización de metodoloxías de xogo para estimular a creatividade, a iniciativa e a disciplina.
  • Deseñar saídas de ocio e lecer adaptadas ás preferencias e necesidades dos usuarios/as do centro.

Con esta nova contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, esperamos poder mellorar e incrementar a atención ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para a consecución dunha vida independente e autónoma.

post

Unha terapeuta ocupacional e unha logopeda amplían o cadro de persoal de Íntegro

Con estas novas incorporacións xa son cinco os/as profesionais contratados a través de programas de cooperación coa Xunta de Galicia

Para a asociación Íntegro o 2017 comeza cheo de novos retos e moitos soños por cumprir pero tamén de novas caras que nos acompañarán ao longo do presente ano. Grazas a un programa de cooperación entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais sen ánimo de lucro, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polo Servizo Público de Emprego, o noso centro de Nantón acaba de incrementar o seu cadro de persoal coa contratación de dúas novas traballadoras (1 terapeuta ocupacional e 1 logopeda) para mellorar a atención individualizada aos nosos usuarios e usuarias e incrementar a oferta formativa e pre-laboral para a súa plena inserción no mercado de traballo.

_MG_3383

Sen dúbida, o máis novidoso é a incorporación ao centro dunha logopeda que, dende o pasado luns, xa está ao fronte dun novo servizo que repercutirá positivamente sobre a calidade de vida dos nosos usuarios/as e as súas familias. Esta profesional, especializada en audición e linguaxe, desempeñará ao longo dos vindeiros 12 meses as seguintes funcións: 

  • Detección, identificación e avaliación de posibles alteracións de comunicación, linguaxe, fala, voz e deglutición.
  • Intervencións adaptadas ás necesidades de cada usuario/a individualmente.
  • Realizar actividades grupais.
  • Participación na elaboración dos Plans Individuais de Atención Social (PIAS).
  • Asesoramento familiar sobre os exercicios realizados para mellorar a súa xeneralización.
  • Axudar aos usuarios/as para que sexan o máis autónomos posibles.

_MG_3368

Pola súa banda, a terapeuta ocupacional é, dende o pasado día 9, a encargada de levar a cabo os obradoiros do Centro de Día e do Centro Ocupacional nos que se desenvolverán diferentes programas formativos para fomentar tanto as habilidades sociais e persoais dos usuarios/as como as ocupacionais e pre-laborais. Neste senso, desenvolveranse novos talleres especializados en formación, orientación e inserción laboral así como en auto-coidado, tarefas do fogar ou aprendizaxe individual. Tamén será a responsable de coordinar a escola de adultos.  Neste caso, a duración da subvención será de 9 meses.

Íntegro medra

Con estas dúas incorporacións xa son 5 os/as profesionais que nos últimos meses pasaron a formar parte da nosa entidade, logo da contratación a finais de 2016 dun xardineiro, unha técnica audiovisual e unha monitora de ocio e tempo libre. A familia Íntegro medra e con ela tamén o fan os nosos proxectos, os nosos servizos e as nosas ilusións. Por iso, queremos agradecer o apoio e a implicación das institucións poñendo ao noso alcance os recursos e as ferramentas axeitadas para proporcionar ás persoas con diversidade funcional e aos seus familiares todos os servizos necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena, digna, autónoma e independente.

_MG_3364

Este ano propuxémonos seguir avanzando na construción dunha sociedade máis inclusiva e igualitaria para todos e todas e ímolo conseguir. Baixo o lema #porunanoconmenosbarreiras continuaremos traballando para erradicar todo tipo de obstáculos, físicos e mentais, porque como dicimos en Íntegro “os límites están onde ti os poñas” e nós este ano non queremos poñer ningún! E ti, onde pos os teus?