Con esta xa son tres as accións sociais de emprego postas en marcha en varios municipios da Costa da Morte no último ano
Máis Porvir Xestión Social-a empresa de economía social de Íntegro- e o Concello de Zas veñen de dar esta semana un novo paso na inserción laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte grazas á sinatura dun contrato para a xestión e o mantemento do servizo de “Limpeza de edificios públicos destinados a centros de saúde e centros de ensino” do municipio. No acto, que tivo lugar onte na Casa do Concello estiveron presentes o administrador da entidade concesionaria, Adolfo López Baña; a xerente, Sandra Caamaño e o alcalde de Zas, Manuel Muíño. Ao rematar, ambas partes coincidiron en destacar a necesidade de que as Administracións públicas se impliquen na inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos comezando por mellorar a súa empregabilidade en condicións de igualdade.
Este contrato terá unha vixencia de dous anos e posibilitará a continuidade laboral dos nove traballadores/as que na actualidade conforman o Centro Especial de Emprego, creado e xestionado por Íntegro para a prestación de servizos e a xestión de novos recursos para persoas con discapacidade, que a partir do luns asumirá a limpeza da escola infantil de Zas, os centros de saúde de Baio e Zas e o CEIP Labarta Pose de Baio.
Con esta xa son tres as accións de emprego postas en marcha. A primeira delas en xullo do ano pasado mediante a sinatura dun convenio entre a UTE formada por Máis Porvir-Combina Social, de Cogami, e o Concello de Malpica para a realización das tarefas de conserxería e limpeza do CEIP Milladoiro e do pavillón polideportivo municipal por un período de dous anos. E a segunda hai apenas dous meses no Concello de Cabana, onde a nosa empresa de economía social está a acometer o mantemento do mobiliario urbano do municipio cunha duración dun ano.
Unha listaxe que vai en aumento grazas ao compromiso e á implicación social das entidades públicas locais. Ogallá tomen nota as empresas e organismos do ámbito privado e aposten pola igualdade de oportunidades tamén a nivel laboral..