O pasado sábado o noso presidente, Adolfo López Baña, e outros membr@s de Íntegro acudiron, xunto a outros compañeiros de Cogami, á inauguración do albergue Arribada, en Muxía. Trátase da primeira instalación destas características que, grazas ao seu deseño accesible, favorece e promove o turismo inclusivo.
Convidados polos propietarios deste moderno e singular establecemento para valorar o nivel de accesibilidade do mesmo, tivemos a oportunidade de comprobar “in situ” como a nova construción cumpre coa normativa vixente en materia de accesibilidade universal, grazas tamén ao asesoramento prestado polo equipo técnico de Cogami neste proxecto. Logo de realizar unha longa e detallada visita polas instalacións, o noso presidente manifestou estar gratamente sorprendido e moi feliz “porque a Costa da Morte comeza a ser accesible para tod@s, algo necesario e moi importante tendo en conta que as persoas con diversidade funcional son o 2º colectivo europeo que máis viaxa”. A valoración que facemos dende Íntegro é moi positiva e con nota. Parabéns e moita sorte!