post

CARTA AOS MANDATARIOS ELIXIDOS NAS PASADAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Estimados Alcaldes e concelleiros e concelleiras das corporacións municipais:

Dende ÍNTEGRO queremos darlles os nosos parabéns polos seus recentes nomeamentos e poñémonos ao seu dispor para poder presentarlles o noso labor.

Aproveito a ocasión para facer as nosas achegas en materia de accesibilidade para que os concellos onde vivimos dean os pasos precisos para converterse nun modelo municipal en Accesibilidade Universal.

A condición de cidadanía é o status conformado polo acceso aos recursos básicos para o exercicio de dereitos e deberes das persoas. A falta de accesibilidade a certos espazos, equipamentos ou servizos, públicos ou privados, pode derivar na limitación de liberdades fundamentais e dereitos civís, como o dereito á educación, á cultura, á vivenda, ao aloxamento, ás actividades recreativas e deportivas, etc. Apostar por un entorno accesible é apostar por unha mellor calidade de vida, na medida en que os equipamentos, servizos e espazos son máis cómodos, máis seguros e máis fáciles de usar por toda a poboación e, polo tanto, promoven a autonomía das persoas.

É preciso que os espazos de calquera concello se conciban, estruturen e xestionen como espazos para a convivencia humana en todas as súas dimensións e comprender que, máis alá de ser un cruce entre rúas, espazos residuais, áreas comerciais e industriais,  infraestruturas urbanas e núcleos rurais, o municipio é a suma de todos os contornos ou espazos públicos, todos os servizos públicos municipais, e todos os produtos ou equipamentos a disposición de todos os cidadáns.

Os servizos desenvolvidos nos edificios municipais, o comercio, o transporte, as vías e espazos públicos deberán de estar ao alcance de todos, por ilo deben de eliminarse barreiras físicas e sociais, dificultades nas comunicacións e impedimentos de calquera natureza que impidan o acceso regular e normalizado e o aproveitamento dos mesmos, garantindo a igualdade de oportunidades.

Todo isto non é algo novidoso, existen actuacións encamiñadas a facer núcleos urbanos accesibles, o que, por outro lado, atrae a un sector da poboación que polas súas características, agora mesmo só frecuentan as grandes superficies comerciais accesibles.

Nin que dicir ten que existen leis que promulgan a accesibilidade e igualdade de oportunidades, algunhas das que cito a continuación:

LEI, 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade; que marca como obxectivo no seu artigo 1º o establecemento de “medidas para garantir e facer efectivo o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, conforme aos artigos 9.2, 10, 14 e 49 da Constitución”; a súa vez, o artigo 2º en canto aos principios que a inspiran; o Capítulo II que versa sobre o dereito á igualdade de oportunidades, especialmente, para todos, e o artigo 4º que determina o que se debe entender como vulneración do dereito á igualdade de oportunidades.

 LEI 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia

Artigo 1. Obxecto

A presente lei ten por obxecto garantir ás persoas con discapacidade a igualdade oportunidades en relación coa accesibilidade universal e o deseño para todos respecto aos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como no relacionado cos obxec­tos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, de modo que os mesmos se fagan com­prensibles, utilizables e practicables por todas as persoas, en igualdade de condicións de seguridade e comodidade, e da maneira máis autónoma e natural posible.

Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade da ONU.

No artigo 9 – Accesibilidade

punto 1) A fin de que as persoas con discapacidade poidan vivir de forma independente e participar plenamente en todos os aspectos da vida, os Estados Partes adoptan medidas pertinentes para asegurar o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ó contorno físico, ó transporte, á información e ás comunicacións, incluídos os sistemas e as tecnoloxías da información e as comunicacións, e a outros servizos  e instalacións abertos ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas ou rurais. Estas medidas, que incluirán a identificación e eliminación de obstáculos e barreiras de acceso, aplicaranse, entre outras cousas, a: a)b) 

Punto 2. a) b) c) d) f) g) h)

En Íntegro cremos que os concellos, como Administracións máis próximas aos cidadáns, deben amosar unha sensibilidade especial e adoptar, dentro das súas competencias, medidas que contribúan á integración como paso previo á inclusión de todas e todos.