Hoxe é o Día Internacional dos Dereitos Humanos, e dende a Asociación Íntegro sumámonos á conmemoración reivindicando a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade.
Que é a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade?
A Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade é un tratado internacional no que se recollen os dereitos das persoas con discapacidade así como as obrigacións dos Estados Partes na Convención de promover, protexer e asegurar eses dereitos. Na Convención establécense tamén dous mecanismos de aplicación: o Comité sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, encargado de supervisar a aplicación da Convención e a Conferencia dos Estados Partes, encargada de examinar cuestións relacionadas coa aplicación da Convención.
Os Estados negociaron a Convención coa participación de organización da sociedade civil, institucións nacionais de dereitos humanos e organización intergobernamentais. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Convención o 13 de decembro de 2006, e abriuse á firma o 30 de marzo de 2007.
O Reino de España asinou e ratificou esta Convención, máis o seu Protocolo facultativo, polo que desde o pasado 3 de maio de 2008 este corpo normativo internacional forma parte do ordenamento xurídico español.
Os Estados que ratifiquen a Convención estarán xuridicamente vinculados a respectar as disposicións que nela se recollen. Para os demais Estados, a Convención constitúe unha norma internacional que deben esforzarse por respectar.
Que é o Protocolo Facultativo da Convención?
O Protocolo Facultativo é tamén un tratado internacional. Nel establécense dous procedementos coa finalidade de reforzar a aplicación e supervisión da Convención. O primeiro é un procedemento individual de comunicación que permite ás persoas presentar peticións ante o Comité alegando violacións dos seus dereitos; o segundo é un procedemento de investigación que faculta ao Comité para realizar investigacións de violacións graves ou sistemáticas da Convención.
Que outros instrumentos internacionais recoñecen os dereitos das persoas con discapacidade?
Nas últimas décadas os Estados aprobaron instrumentos específicos para protexer e promover os dereitos das persoas con discapacidade. Entre os máis importantes cabe destacar:
– A Declaración dos Dereitos das Persoas con Discapacidade (1995);
– O Programa de Acción Mundial para as Persoas con Discapacidade (1981);
– Os Principios para a protección dos enfermos mentais e para o melloramento da atención da saúde mental (1991);
– As Normas Uniformes sobre a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade (1993).
Aínda que as directrices, declaracións, principios, resolucións e outros documentos non son xuridicamente vinculantes, expresan un compromiso moral e político dos Estados e poden servir como directriz para a promulgación de lexislación ou a formulación de políticas en relación coas persoas con discapacidade.
É importante sinalar que algunhas das disposicións dos Principios para a protección dos enfermos mentais e para o melloramento da atención da saúde mental recibiron críticas e que a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade prevalece sobre esas normas en caso de existir algún conflito entre ambos os instrumentos.
Por que é única a Convención?
A Convención é o primeiro instrumento de dereitos humanos do século XXI e o primeiro instrumento legalmente vinculante que protexe de maneira xeral os dereitos das persoas con discapacidade. Aínda que na Convención non se recollen dereitos humanos novos, establécense nela con moita maior claridade as obrigacións dos Estados de promover, protexer e asegurar os dereitos das persoas con discapacidade. Así pois, a Convención non só aclara que os Estados non deben discriminar ás persoas con discapacidade, senón que tamén establece as numerosas medidas que os Estados deben adoptar a fin de crear unha contorna que permita que as persoas con discapacidade gocen de verdadeira igualdade na sociedade. Por exemplo, a Convención require que os Estados adopten medidas para asegurar a accesibilidade da contorna física e da tecnoloxía da información e as comunicacións. Así mesmo, os Estados están obrigados a lograr que haxa maior conciencia, promover o acceso á xustiza, asegurar a mobilidade persoal e recompilar datos desagregados en relación coa Convención. Desta forma, a Convención profunda moito máis que outros tratados de dereitos humanos na determinación das medidas que os Estados deben adoptar a fin de impedir a discriminación e lograr a igualdade para todos.