post

Martín Varela Dourado inicia mañá na República Checa o 4º torneo da tempada

Martín Varela Dourado puxo hoxe rumbo cara a República Checa para disputar o torneo Vinci Wheelchair Open Czech, que se celebrará na cidade de Prostejov dende mañá e ata o vindeiro domingo, e que suporá o cuarto dunha tempada que se presenta intensa pero con moi boas expectativas.

A semana pasada o tenista cormelán levou a cabo un proceso de adaptación á terra batida, superficie na que se disputará o campionato e na que non está acostumado a xogar. Varela Dourado sempre realiza os seus adestramentos nas pistas duras da Escola de Tenis Marineda polo que, nesta ocasión, o deportista de A.D. Vidú tivo que enfrontarse a longas sesións de traballo e realizar un esforzo engadido para perfeccionar o seu xogo nunha pista, de antemán, pouco familiar para el.

Martín desprázase a terras checas coa intención de chegar o máis lonxe posible no cadro dun torneo no que competirán algúns Top Ten entre os que destaca o Nº1 do ranking, o xaponés Shingo Kunieda, que se proclamou campión de Roland Garros a pasada semana.

Sen embargo, isto non bota para atrás as intencións do noso deportista máis internacional de seguir sumando puntos na súa carreira ás Paralimpiadas de Rio 2016. Esperemos que o duro traballo levado a cabo nas últimas semanas sobre a arxila do Clube de Tenis Coruña se vexa recompensando cunha vitoria no Vinci Wheelchair Open Czech. Dálle Martín!

Foto: David Castro