Susana López acudirá o vindeiro luns á firma dos novos convenios de colaboración coas entidades locais
A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, visitará o vindeiro luns o Centro de Recursos de Íntegro para asistir, xunto aos alcaldes e representantes dos concellos de Cabana, Ponteceso, Malpica e Laxe, á presentación do novo Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD Rural) 2016-2017, co-financiado polo ente autonómico e o Fondo Social Europeo (FSE). Ao remate, realizarase un percorrido polas instalacións para coñecer de primeira man os diferentes obradoiros ocupacionais.
O acto dará comezo ás 12h coa exposición do balance relativo ao período 2015-2016, no que se analizarán polo miúdo os resultados obtidos durante o primeiro ciclo do PIMD Rural, no que 108 mulleres- prioritariamente con disCapacidade- se beneficiaron das accións formativas levadas a cabo nos catro municipios adheridos ao plan coa finalidade de erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o empoderamento das mulleres e reforzan o seu papel no ámbito rural. Ademais, daranse a coñecer outros datos de interese relacionados coa formación, o emprego e o número de intervencións realizadas.
A continuación, procederase á firma dos novos convenios de colaboración do PIMD Rural 2016-2017 coas entidades locais. Na sinatura estarán presentes alcaldes e representantes dos municipios de Malpica, Laxe, Ponteceso e Cabana, que renovan así o seu compromiso cun dos colectivos sociais máis desfavorecidos.
Coa posta en marcha desta segunda etapa, que terá unha duración dun ano, reforzaranse os puntos de intervención municipais posibilitando traballar, man a man, cos servicios sociais de base, axentes de emprego e orientadores laborais co obxectivo de dar continuidade á labor de inclusión laboral e social das mulleres do rural, especialmente das que están en situación de vulnerabilidade e centrándonos nas máis desfavorecidas, como son as que teñen algún tipo de diversidade funcional.
A xornada rematará cunha visita de todos os asistentes polas instalacións de Nantón que estará protagonizada polos nosos usuarios e usuarias xa que serán os encargados/as de dar a coñecer o traballo que desempeñan día a día tanto nos obradoiros do Centro de Día como do Centro Ocupacional.