As instalacións da asociación Íntegro recibiron o venres a visita da secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro; a subdirectora xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidades, Mª Carmen Calviño, e as concelleiras cabanesas Begoña Torrado e Sheila Recarey, que se interesaron polo traballo que desenvolve a entidade tanto no centro de día coma no ocupacional e no centro especial de emprego.
As representantes das Administracións autonómica e local realizaron un completo percorrido polo edificio, no que puideron comprobar que as actividades que se desenvolven teñen como principal finalidade fomentar a autonomía persoal. “Ese é o noso principal obxectivo”, explicoulles o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña. A terapeuta ocupacional da asociación, Noelia Barreira, exerceu como guía durante a visita, que rematou nos invernadoiros nos que se están a implementar sistemas alternativos e experimentais que faciliten o traballo ás persoas con mobilidade reducida.
Dende Íntegro expuxeron ás representantes da Xunta algunhas das necesidades e das demandas das familias, dende a posibilidade de ampliación do número de prazas concertadas ata a de poñer en marcha unha vivenda tutelada.
A secretaria xeral asegurou marchar “coa grata impresión” de que o traballo en Íntegro vai mellorando día a día.