post

A Copa Galicia de Baloncesto Adaptado chega a Ponteceso da man de Íntegro

O pavillón municipal de Ponteceso acollerá o vindeiro día 15 a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado, organizada pola asociación Íntegro en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) e subvencionada pola Consellería de Política Social, a Deputación da Coruña e o Concello de Ponteceso. Será unha xornada deportiva de alto nivel deseñada para gozar cos cinco sentidos e meterse ao público no peto. Competición, deporte, diversión e moitas sorpresas serán os protagonistas dun evento co que se pretende dar a coñecer esta modalidade e poñer en valor o deporte inclusivo na sociedade.

O espectáculo e o bo xogo estarán asegurados coa participación de destacados equipos da Liga Galega de Baloncesto FGDA e da Liga de BSR (Baloncesto en Cadeira de Rodas). A competición dividirase en dúas categorías: cadeira de rodas e competición intelectuais, esta última dirixida a deportistas con discapacidade intelectual que participarán en sección masculina e feminina.

Horarios

cartel-definitivo

As primeiras en saltar á cancha serán as xogadoras do San Xerome, que se medirán ante as Esclavas na final da Competición Intelectuais, prevista para as 11h. Ás 12:30 h disputarase o primeiro encontro en cadeira de rodas da xornada entre o Amfiv Más Visión e o Basketmi, que volverán a enfrontarse pola tarde, a partires das 18h. Para as 16:30h está previsto o comezo do partido Aspanaex-San Rafael (categoría masculina). Finalmente, procederase á entrega de premios.

Pero esta Copa Galicia non só é para ver, tamén é para xogar. A diversión e o entretemento estarán garantidos para os asistentes antes, durante e despois dos partidos, coa celebración de diversas actividades nas que poderán participar para poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas. Xogos de habilidade, tiros libres e mini-partidos para todos e todas coa intención de descubrir a complexidade desta práctica deportiva e pasar un día moi, moi divertido.

Dende a entidade queremos animar a quen o desexe a acudir ao pavillón municipal para apoiar aos equipos participantes na Copa Galicia e vivir unha experiencia única gozando do mellor baloncesto. Neste senso, o vindeiro martes, ás 13h, terá lugar no IES de Ponteceso a presentación oficial do evento na que participarán o alcalde, Lois García Carballido, alumnos/as do centro educativo e usuarios/as de Íntegro.

Así mesmo, queremos dar as grazas a todas as empresas e entidades privadas que a través do seu patrocinio e colaboración fixeron posible a organización deste evento deportivo.