Nas últimas semanas entregáronse 7 novos colectores nos concellos de Carballo e Laxe, e na localidade de Corme
A Rede de Entidades Colaboradoras Diversiplás segue estendéndose pola Costa da Morte e con ela os puntos de recollida de residuos plásticos, que xa ascenden a 25. Nos últimos días, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña e a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foron os encargados, xunto a varias persoas usuarias de Nantón, de facer entrega dos sete novos contedores brancos que veñen a sumarse aos 18 xa instalados en diferentes localidades da contorna desde finais do pasado mes de setembro.
Os concellos de Carballo (2), Laxe (2 na Casa do Concello e 1 na Confraría de Pescadores) e a localidade de Corme (1 na agrupación de redeiras Illa da Estrela e 1 na confraría) xa teñen a disposición da veciñanza os colectores, nos que se poderán depositar só envases que conteñan os símbolos HDPE 2, PP5 e PS 6, sen adhesivos nin etiquetas, e lavados con auga e xabón. Só os residuos que cumpran estas características poderán ser sometidos ao proceso de tratamento e valorización no taller de Íntegro para convertelos en novos produtos con outras utilidades (testos, pulseiras, chaveiros, mosquetóns…).
Actualmente, estes son os puntos de recollida de residuos plásticos que atoparás na Costa da Morte.
- Concellos: A Laracha (2), Carballo (2), Malpica (2), Laxe (2), Cabana (2), Vimianzo (2), Muxía (2) e Camariñas (1).
- Confrarías: Caión (1), Virxe da Barca de Muxía (1), Malpica (1), Camelle (1), Camariñas (1), Laxe (1) e Corme (1).
- Agrupacións de mariscadoras e redeiras: Mariscadoras do Anllóns-1 (Cabana), redeiras O Fieital-1 (Malpica) e redeiras Illa da Estrela-1 (Corme-Ponteceso).
Se es institución, asociación, centro educativo ou profesional do mar e tamén queres colaborar sumándote á marea branca Diversiplás, contacta coa asociación Íntegro chamando ao 650 961 649 ou enviando un mail a info@integro.es e súmate ao noso equipo para traballar desde a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible.
Balance
Diversiplás, + diverso – plástico é un proxecto dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira, coordinado pola asociación Integro ao abeiro da iniciativa Tanza, en base á Orde 21 de decembro do 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca 2014-2020, e que se convocan as correspondentes ao ano 2019. Esta iniciativa, que conta co apoio do Galp Costa da Morte, está financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, cunha contía que ascende a 111.800,02 euros.
Tras dous anos de andaina, o noso proxecto medioambiental logrou promover a inclusión social das persoas con diversidade funcional, preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas colaborativas para a posta en marcha de proxectos de economía circular. Para logralo, realizamos actividades ocupacionais, laborais e terapéuticas, a través da valorización do lixo plástico, coa intención de obter así un beneficio social, económico e ambiental; fomentamos a inclusión laboral das persoas usuarias, mediante a realización de novas actividades produtivas e laborais e aumentamos as súas capacidades e habilidades con actividades formativas relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos. Ademais, tamén impulsamos diversas accións no sector pesqueiro co obxectivo de fomentar a colaboración das confrarías coas entidades sociais, sensibilizar ao sector sobre a problemática do lixo mariño e o aproveitamento sostible dos refugallos do mar, formar ás confrarías e asociacións de redeiras en materia de preservación ambiental e economía circular e reforzar o traballo en rede do sector e o seu papel como entidades de economía social. Por último, procuramos a colaboración dos concellos a prol dunha sociedade máis inclusiva, reforzando a conexión co ámbito da inclusión social e o pesqueiro, aproveitando a sinerxía entre estas entidades, para realizar actividades de posta en valor dos residuos e promoción da cohesión social da zona costeira.
Boa mostra do alcance e repercusión do proxecto é o impacto directo que Diversiplás logrou sobre os axentes implicados (persoas usuarias do centro ocupacional, sector pesqueiro e marisqueiro, ámbito educativo), pero tamén sobre a poboación da Costa da Morte. Por unha banda, logramos adquirir novos coñecementos sobre a necesidade do coidado dos nosos litorais e mares, melloramos as interrelacións persoais e achegámonos aos diferentes perfís profesionais vinculados co mar. Así mesmo, adquirimos formación especializada no tratamento de plásticos, acadamos unha maior sensibilización ambiental e fixemos posible a inclusión das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás da comunidade ao tempo que acadamos poñer en valor o seu traballo.
Por outra banda, as múltiples accións informativas e de sensibilización cidadá tamén deron os seus froitos. Ademais de poñer o foco sobre a necesidade de coidar e preservar o medio mariño e costeiro e os seus recursos produtivos, as melloras a nivel ambiental repercutiron positivamente na imaxe do sector. Así mesmo, serviron para dar a coñecer as habilidades e capacidades das persoas con diversidade funcional, que, co seu traballo e esforzo, aportan á sociedade un valor engadido. Outro dos logros acadados foi a colaboración directa entre diferentes sectores sociais, xerando novas dinámicas e abrindo a porta a futuros proxectos en común.
Finalmente, esta iniciativa tivo un gran impacto económico para a entidade, xa que innovamos en liñas de produto (testos, mosquetóns…) ao tempo que contribuímos a reducir os residuos, apostando así por un modelo de economía circular que reforza o posicionamento da optimización económica dos propios resultados do produto.