Ademais da atención telefónica e on line, a entidade presta un servizo a domicilio de atención psico-social e laboral, a través de programas co-financiados pola Xunta de Galicia como Avanza Inclusión e PIMD Rural, para supervisar e garantir o benestar das persoas con diversidade funcional do rural durante a corentena
Hai case dous meses que o Centro de Recursos de Nantón (Cabana), no que se atopan o Centro de Día e Ocupacional así como a Área de Servizos (INFOASE, Avanza Inclusión e PIMD Rural) de atención a persoas con discapacidade, permanece pechado ao público por mor da crise sanitaria provocada polo COVID-19. Sen embargo, desde entón e ata a actualidade, en Íntegro continuamos traballando para achegar aos nosos usuarios/as e ás súas familias, así como ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social da Costa da Morte un servizo de atención psico-social e formativo de calidade e adaptado ás necesidades da nova realidade que estamos a vivir.
Desde os inicios deste confinamento, o contacto cos usuarios/as foi unha das nosas prioridades co fin de manter activos hábitos e rutinas capaces de garantir o desenvolvemento dunha vida diaria saudable, plena e equilibrada. As clases presenciais deron paso ás sesións on line e ás videochamadas, coas que comprobamos o ben que se lles dan aos nosos usuarios as novas tecnoloxías. Ademais, demos continuidade a programas como Avanza Inclusión, co-financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e ao Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) a través dun servizo de axuda telefónica e telemática destinado ao asesoramento e apoio de cuestións socio-laborais, ao que a nosa entidade sumou o apoio presencial con visitas domiciliadas, previamente concertadas, que posibilitan ademais a supervisión e o seguimento continuado dos nosos usuarios/as, as súas familias e das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión que reside no rural, para garantir e preservar o seu benestar e detectar novas necesidades e/ou conflitos, e a súa resolución.
Doazón de material
Pero as visitas domiciliarias non serían posible sen a inestimable colaboración de concellos como o de Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Ambas administracións fixéronnos entrega do material de protección individual necesario para garantir a seguridade das nosas traballadoras nos seus desprazamentos e preservar tamén a saúde e o benestar das familias receptoras evitando posibles contaxios. Así mesmo, desde Íntegro queremos expresar tamén o noso agradecemento a Cubiertas Javier Fidalgo, unha empresa de Cee que doou un lote de mascarillas cirúrxicas para o noso persoal. Grazas a todos polo seu apoio e solidariedade nestes difíciles momentos!
Desescalada. Fase 1
Como xa saberedes, o luns 11 a nosa comunidade entrará na Fase 1 do Plan de transición cara unha nova normalidade co obxectivo de ir, pouco a pouco e con cautela, recuperando o noso día a día, restablecendo as relacións sociais, reactivando a economía, xerando emprego, etc. Pero nesta nova etapa tamén debemos continuar traballando unidos para evitar a propagación do COVID-19. Pare elo, desde Íntegro queremos apelar á responsabilidade social e concienciación cidadá no que respecta ao cumprimento e utilización dos mecanismos de seguridade que temos ao noso alcance para evitar posibles novos contaxios. Neste senso, é fundamental que sigades empregando sistemas de protección individual como guantes, máscaras e/ou pantallas de protección, xel hidroalcohólico e un correcto e frecuente lavado de mans, ademais de manter o distanciamento social, gardando as distancias de seguridade recomendadas (2 metros) para evitar resultar contaxiados/as. Extremar as precaucións e non baixar a garda é prioritario para lograr unha desescalada segura e sen máis vítimas. Só así poderemos gañarlle a batalla ao coronavirus e reencontrarnos moi pronto. Estámolo desexando!
Se precisas información, asesoramento e/ou apoio en materia laboral, mediación familiar e/ou asistencia a persoas con diversidade funcional, non dubides en contactar con nós chamando aos teléfonos 981 7349 85 / 650961649 ou enviando un correo electrónico a info@integro.es.