post

O 5 de xullo Íntegro participará na Romaría Diversa da Asociación Ambar

O vindeiro 5 de xullo Íntegro vai de festa para participar na Romaría Diversa, unha iniciativa organizada pola Asociación AMBAR coa finalidade de concienciar sobre a diversidade como un feito natural e un valor positivo na sociedade.

Esta xornada lúdico-festiva terá lugar na praia de Coroso, situada no municipio de Ribeira, e consistirá na realización de numerosas actividades ao aire libre que darán comezo a primeira hora da mañá coa celebración da I Carreira pola Diversidade. A partires das 12h desenvolveranse os actos centrais que estarán divididos en áreas ou agras. Haberá xogos populares e obradoiros, adaptados a todas as idades, música e danza típicas galegas e ata unha exhibición de land art, creación artística que só emprega materiais da natureza para a súa elaboración.

No programa de actos tamén se inclúen espazos para as ideas e a solidariedade nos que as entidades poderán expoñer as súas propostas e reivindicacións sobre a diversidade, a inclusión e a sostibilidade. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de visitar a “agra solidaria” e adquirir algúns dos produtos elaborados polas diferentes agrupacións alí presentes para fomentar o comercio xusto e solidario. Neste sentido, os usuarios e usuarias de Íntegro tamén participarán moi activamente na Romaría cunha mostra de artigos elaborados por el@s mesm@s e moitas outras actividades que non deixarán indiferente a ninguén.

Para as 14h está previsto que dea comezo un xantar campestre ao que cada familia poderá levar a súa propia comida ou ben compartila cos demais a modo de degustación colectiva, coma se facía antigamente neste tipo de xuntanzas. O día rematará cunha verbena de “música desenchufada”, concertos onde cantar e bailar ao estilo tradicional.

Debido a que o aforo é limitado, é preciso que @s interesad@s en asistir reserven praza canto antes chamando aos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, ou nas oficinas do Centro de Recursos Íntegro. En caso de acadar o número suficiente de inscritos, poderiamos realizar a viaxe en autobús para maior comodidade de tod@s.