post

Íntegro e Vidú suman forzas en favor do deporte e da prevención

A asociación Íntegro vén de asinar un convenio de colaboración coa entidade deportiva Vidú, presidida polo tenista cormelán Martín Varela Dourado, para a promoción do deporte e a prevención de lesións entre a poboación infantil e xuvenil.

Con esta sinatura, celebrada o pasado 20 de abril no pavillón de Cabana de Bergantiños, ambas agrupacións pretenden unir experiencia, traballo e esforzo para poñer en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización sobre a inclusión do deporte na vida diaria e a prevención de lesións medulares, algo moi frecuente entre os máis novos debido á práctica de actividades de risco ou aos accidentes de tráfico.

Para elo, contémplase a realización de actividades conxuntas, dirixidas principalmente aos escolares da zona, seguindo como denominador común o deporte e a superación de barreiras, tanto físicas como mentais . Charlas teóricas e exhibicións prácticas, con Martín Varela ao fronte, son as principais liñas de actuación a seguir para facer chegar estes contidos aos nen@s e moz@s da comarca. De feito, os alumn@s do IES de Ponteceso e do CEIP Xosé Pichel de Coristanco xa puideron comprobalo porque o pasado mes participaron nas primeiras sesións. Tiveron a oportunidade de escoitar auténticos exemplos de vida e comprobar, en primeira persoa,  a complexidade do deporte adaptado. Unha experiencia moi gratificante para tod@s e que lle deu que facer a máis de un!