post

A autonomía persoal, a mobilidade e o ocio, principais áreas de traballo do Centro de Día de Íntegro

Boa parte das actividades deste 2022 realizáronse con cargo ao programa FOAXE-C da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 €

O ano da conmemoración do noso 30ª aniversario chega á súa fin e faino cun balance máis que positivo en todos os eidos. Ademais do éxito alcanzado nas actividades conmemorativas organizadas ao longo de 2022, o nivel de satisfacción e participación dos nosos usuarios e usuarias, e as súas familias, coas accións levadas a cabo ao longo do ano é inmellorable. E iso, énchenos, por unha banda, de satisfacción e orgullo polo traballo realizado, e pola outra, de ilusión e ganas, para seguir avanzando.

Malia que a COVID-19 impediu a participación de persoas alleas ao centro nas actividades de ocio e tempo libre, así como a nosa noutras de carácter social e deportivo ás que acostumabamos ir, preto de 30 persoas usuarias do noso Centro de Recursos formaron parte das diferentes actividades programadas neste 2022. A esta cifra podemos sumar ás máis 32 atendidas no servizo de INFOASE e as 62 do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural).

Servizos e actividades

Desde o noso Centro de Día prestamos atención integral a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de proporcionarlles os coidados e apoio necesarios para unha maior autonomía persoal e social, e tamén ás súas familias. Ao igual que en anos anteriores, desenvolvéronse numerosos programas centrados en diferentes áreas de traballo como a autonomía persoal, a mobilidade e o ocio. Entre as prestacións máis demandadas figuran o servizo de información e asesoramento en recursos para as zonas rurais; talleres de auto-coidado (aseo, vestido, hixiene persoal, hábitos de vida); tarefas do fogar (cociña, prancha, lavado de roupa.. (actividades instrumentais da vida diaria); actividades de mantemento e rehabilitación cognitiva (memoria, orientación a realidade, escola de adultos, informática); taller de habilidades sociais; actividades de vida comunitaria e social; ocupacionais e pre-laborais (elaboración de xabóns, colaxes, xardín terapéutico…); actividades de mantemento e rehabilitación física (mantemento físico, hixiene postural, fisioterapia, psicomotricidade,…) e de ocio e tempo de lecer (saídas culturais, eventos deportivos, paseos pola natureza,…).

Para o desenvolvemento destas actividades contamos, entre outras, axudas co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 28.500 € (0,2504) con cargo ao programa FOAXE-C, que regula a convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento dos centros de servizos sociais.