- A cohesión social e o reto demográfico centraron a reunión do Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte coas entidades sociais da contorna para establecer a Estratexia do Programa Leader 2023-2027
- Ademais de Íntegro e MaisPorvir, tamén participaron representantes de Aspadex, Aspaber e Cruz Vermella, así como os responsables políticos e técnicos de varios concellos da contorna
Representantes das entidades de inclusión social Aspadex, Aspaber, Cruz Vermella, MaisPorvir e Integro, participaron nun grupo de traballo para a elaboración da estratexia de desenvolvemento local do programa Leader 2023-2027, celebrado hoxe na nosa sede de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Na reunión, á que asistiron tamén representantes políticos e técnicos de concellos da zona, fíxose unha diagnose sobre as principais necesidades do territorio, de cara a garantir un futuro máis igualitario e inclusivo.
As principais problemáticas detectadas relaciónanse coa escasa dotación de servizos á poboación, sobre todo no relacionado coa mobilidade, a infraestrutura tecnolóxica ou os propios servizos. É necesario apostar por unha maior integración das persoas con diversidade no ámbito laboral, pese ás barreiras ou limitacións que seguen tendo moitas entidades privadas, pero tamén públicas.
Para poñer freo ao illamento e despoboación das zonas rurais, é importante desenvolver unha acción conxunta e colaborativa entre o tecido público e privado, empregando a innovación como principal ferramenta.
Por outra banda, para hoxe tamén está prevista a celebración no Centro Sociocultural de Baio do Segundo Foro de traballo para a elaboración do diagnóstico da estratexia. Desta volta, realizaranse mesas sectoriais, nas que se debaterán e poñerán en común os principais atrancos ao desenvolvemento e as posibles propostas de mellora, desde a óptica das entidades agrogandeiras e forestais, entidades do ámbito cultural ou ambiental, o tecido empresarial e tamén as entidades do ámbito social.