post

Cinco entidades sociais presentaron en Carballo a campaña X Solidario

Íntegro, APEM, A Xunta Local da Asociación contra o Cancro, a Cruz Vermella de Carballo e a Agrupación Deportiva Un Paso Máis apelaron á solidariedade das persoas contribuíntes nun acto simbólico e reivindicativo celebrado este venres na Praza do Concello

Representantes e persoas usuarias de cinco entidades sociais participaron este venres na presentación da campaña “XSolidario2022”, un acto simbólico e reivindicativo convocado para apelar á solidariedade das persoas contribuíntes coa intención de que este ano sexan moitas máis as que marquen o recadro 106 de “Actividades de Interese Social” na súa declaración da renda. Íntegro, APEM Pro Enfermos Mentales, a Xunta Local da AECC da Coruña, a Cruz Vermella de Carballo e a Asociación Deportiva Un Paso Máis foron algúns das asociacións que se achegaron ata a Praza do Concello de Carballo para formar un X simbólico e sumarse así ás peticións do Terceiro Sector Galego na loita contra a pobreza e a exclusión social.

Desde Íntegro destacaron que “non se trata dun acto nin dunha campaña máis, senón que é un chamamento de auxilio fronte á grave emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer tras a pandemia, a crise económica e social, a inflación, a guerra de Ucraína,…”. Durante o acto, procedeuse á lectura dun manifesto conxunto no que lembraron a necesidade de contribuír máis ca nunca ao funcionamento das entidades sociais que defenden os dereitos da cidadanía, destinando o 0,7% dos impostos a “Actividades de Interese Social” (recadro 106). Grazas ao X Solidario, en 2021, 141 organizacións galegas lograron levar a cabo máis de 500 proxectos sociais, dos que se beneficiaron máis de 105.000 persoas. E poderíanse ter recadados 13 millóns de euros máis coa colaboración dos 610.363 galegos/as que non elixiron esta opción.

Ao remate da lectura, solicitouse o apoio da cidadanía para mellorar estas cifras en 2022, e seguir avanzando na realización de novos programas e proxectos dirixidos ás persoas en risco de exclusión que máis o necesitan. E “sen pagar máis, nin recibir menos”, puntualizaron mentres reclamaron da Xunta de Galicia “ que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa”.