post

Convocada unha asemblea extraordinaria para elixir a nova xunta directiva de Íntegro

A xunta directiva da Asociación ÍNTEGRO para a Diversidade Funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra vén de convocar a todos os soci@s para participar nas asembleas xerais ordinaria e extraordinaria que terán lugar o vindeiro sábado 6 de xuño nas instalacións do centro de recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños). A primeira convocatoria está fixada para as 11.00 horas.

Na primeira das xuntanzas procederase á presentación do informe de xestión económica correspondente ao exercicio 2014 e, de seguido, someterase a votación a aprobación de actividades e orzamentos para o presente ano. Con máis expectación amósase a segunda asemblea, posto que inclúe coma principal punto da orde do día a elección da nova xunta directiva.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro venres, día 5, ás 14h. Os interesados deberán remitir toda a documentación ao departamento de secretaría da sede social de Íntegro. Cada unha das listas que concorra ás eleccións deberá estar composta por un mínimo de 8 membros, debidamente acreditados como socios/as e cumprindo os requisitos que dita condición esixe.

Orde do día asemblea ordinaria

 1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

2. Informe de xestión 2014

  • Contable
  • Actividades

3. Actividades e orzamentos para o ano 2015 e a súa aprobación, se procede.

4. Rogos e preguntas.

 

Orde do día asemblea extraordinaria

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Elección nova xunta directiva.
  3. Adaptación estatutaria (Lei de transparencia e Utilidade Pública)
  4. Rogos e preguntas.