Malia a ameaza constante da choiva, a marcha reivindicativa pola inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade) puido discorrer polas rúas de Malpica sen contratempos. Seis asociacións da provincia (Ambar, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, ademais da anfitrioa, Íntegro) participaron nun percorrido que arrincou pouco antes do mediodía do Centro Cívico e rematou pasada a unha da tarde xunto á Casa do Pescador. Á fronte da manifestación estiveron un grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Milladoiro, que non pararon de berrar durante todo o traxecto consignas coma “Non á discriminación”, “Que no mundo non haxa inclusión, que desilusión” ou “Somos capaces”. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, participou en todo o percorrido, ao que tamén se sumaron xa no centro da vila o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo.
Os participantes na marcha saíron do Centro Cívico pola rúa principal ata a Casa do Pescador, onde realizaron unha pequena parada antes de continuar cara o centro cívico e a zona do Caldeirón para regresar ao mesmo lugar. “O mundo é máis bonito se non hai prexuízos”, leron os alumnos do CEIP Milladoiro no seu escrito de adhesión, no qu pediron “por un mundo máis unido, por un mundo onde vivamos todos xuntos, por un mundo onde non haxa discriminacións”.
A continuación foi a quenda das asociacións participantes, cada unha das cales leu tamén o seu manifesto. Catarina, de Íntegro, quen avogou por “un cambio de mentalidade” a favor da inclusión dende a escola, “por iso é prioritario desenvolver un sistema educativo en inclusión, onde todos os nenos e nenas con diversidade funcional poidan educarse en colexios ordinarios contando cos apoios necesarios para cada situación”. Íntegro considera imprescindible fomentar valores coma “a socialización, a convivencia, a tolerancia e o coñecemento da realidade de todos os nenos e nenas”.
Despois dunha colorida solta de globos, os participantes neste Día da Inclusión celebraron un xantar de confraternidade en Canido e pasaron a tarde entre xogos e actuacións.