post

A campaña de prevención de lesións medulares fixo parada en A Laracha e Coristanco

Alumnos de 1º de bacharelato do IES Agra de Leborís e de 2º e 3º de ESO do CPI Xosé Pichel participaron nas últimas charlas informativas de Íntegro

Despois dun mes de intensa actividade formativa percorrendo diferentes centros educativos da Costa da Morte, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña e educadora social Tania Bartucca, visitaron o IES Agra de Leborís de A Laracha e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco para achegar ao alumnado a nova campaña de prevención de lesións medulares coa que se pretende concienciar á mocidade sobre a importancia de evitar situacións de risco tanto nas estradas como en praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre os máis novos/as coa chegada do bo tempo.

Alumnado do IES Agra de Leborís A Laracha)

Estudantes do CPI Xosé Pichel de Coristanco

 

 

 

 

 

 

 

No primeiro centro, arredor de 60 alumnos/as de 1º de bacharelato asistiron a unha charla informativa, na que se abordaron as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, que incluíu ademais a proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un pequeno coloquio que contou coa participación de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso, como exemplo de forza e superación, co que deixou impresionados tanto aos estudantes como aos profesores. Igual de interesante e emotivo foi o encontro cos estudantes de 2º e 3º da ESO do colexio coristanqués, que seguiron con gran interese e atención as explicacións ofrecidas polos membros da nosa entidade nunha xornada marcada pola aprendizaxe pero tamén pola diversión.

En ambos casos, tras a teoría chegou a práctica. E aí a rapazada volveu a sorprendernos unha vez máis coa súa capacidade de empatía e a súa habilidade e destreza sobre unha cadeira de rodas.

 

 

 

 

 

 

Ao remate, todos os/as participantes comprometéronse a extremar as precaucións evitando correr riscos innecesarios que poidan poñer en perigo as súas vidas. Desde Íntegro, agardamos que así sexa e que vaian coa lección ben aprendida.  O seu futuro pode estar en xogo!

post

A Diverescola enche de xogos e contacontos as aulas do CPI Xosé Pichel de Coristanco

Máis de 60 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os pupitres dos alumnos/as de 1º de primaria en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais e contacontos de vida e superación, no caso dos/as escolares de infantil. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco, acompañada por dous dos nosos usuarios/as, iniciaba unha xornada de sensibilización, incluída na Semana Cultural do centro, repleta de xogos na que participaron 62 nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que poñerse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e a súa destreza a través da realización dunha serie de xogos de barreiras que consistiron en escribir coa man que non empregan habitualmente e descubrir obxectos cos ollos tapados. Pese á dificultade das probas, todos os/as participantes lograron superalas con nota facendo gala dunha excelente capacidade de adaptación e empatía.

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto, encamiñado a promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. 

 

 

post

Estudantes do CEIP Canosa-Rus protagonizan unha nova edición da campaña de lesións medulares

Varios membros de Íntegro visitaron o centro coristanqués para conversar cos alumnos/as de 6º de primaria  

Esta semana os alumnos e alumnas do CEIP Canosa Rus de Coristanco foron os protagonistas dunha nova edición da campaña de lesións medulares que Íntegro está a impartir nos centros educativos da Costa da Morte coa finalidade de informar e concienciar aos escolares de primaria e secundaria sobre as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular así coma da importancia da súa prevención.

Na xornada de sensibilización o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a traballadora social, Sandra Reimúndez, e Teresa Alvarellos, socia e voluntaria da entidade, foron os encargados de achegar aos nenos e nenas de 6º de primaria o día a día de quen padece unha doenza medular facendo especial fincapé na necesidade de evitar a práctica de actividades de risco como os mergullos en praias e piscinas, principal causa deste tipo de lesións entre os máis pequenos.

Ao longo da sesión, os/as escolares tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man algúns testemuños reais como o de Teresa Alvarellos, colaboradora da campaña de prevención e lesionada medular por mor dun accidente de tráfico. Un exemplo de superación e forza que espertou o interese e a curiosidade do alumnado con preguntas relacionadas co seu día a día. A accesibilidade universal e as dificultades coas que se atopan a cotío as persoas con mobilidade reducida foron outros dos asuntos que espertaron o interese dos/as escolares.

 

Esta iniciativa, que se está levando a cabo con gran éxito dende hai anos en numerosos colexios e institutos da nosa contorna, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña. Así mesmo, tamén conta coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.

 

A seguinte parada da campaña de prevención terá lugar mañá e o vindeiro venres no IES Agra de Leborís (Laracha). Ademais da habitual charla- coloquio cos alumnos/as, proxectarase o último vídeo editado pola entidad “A ti tamén che pode pasar”, no que profesionais médicos e testemuñas reais analizan as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular.  

 

 

post

43 escolares do CEIP Canosa-Rus de Coristanco protagonizan unha nova edición de Visítanos!

Hoxe en Íntegro comezamos a semana coas portas abertas para recibir a un grupo de escolares que se desprazaron ata Nantón para participar nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade aos máis pequenos.

Esta mañá 43 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP Canosa-Rus de Coristanco visitaron as nosas instalacións para coñecer de preto o funcionamento do centro e descubrir o día a día dos nosos usuarios e usuarias. A xornada comezou cunha breve presentación da entidade para explicar os obxectivos e valores cos que traballamos en favor das persoas con diversidade funcional. Dende o primeiro momento,  os estudantes amosáronse moi participativos/as e interesados/as en achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual. A continuación, proxectouse un vídeo resumo coas actividades e os obradoiros que se levan a cabo tanto no Centro de Día como no Centro Ocupacional.

Obradoiros

_MG_4507Durante algo máis de dúas horas os escolares, divididos en grupos reducidos,  realizaron un percorrido polas instalacións para coñecer con máis detalle o traballo que realizan diariamente os nosos usuarios/as nos diferentes obradoiros ocupacionais. O taller de artes manuais foi parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de descubrir algunhas das técnicas empregadas para confeccionar os produtos de artesanía que comercializamos, e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar poñendo a proba as súas habilidades e imaxinación na confección, por exemplo, de xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora. O resultado foi gratamente sorprendente!  _MG_4406

A visita ao invernadoiro foi, sen dúbida, unha das que causou maior expectación entre os escolares que non dubidaron en poñer en práctica os coñecementos facilitados polo persoal do centro e polos propios usuarios e usuarias. Logo dunha divertida sesión plantando leitugas, traballaron con algunhas das plantas aromáticas do noso xardín terapéutico e realizaron varios talleres de identificación de especies autóctonas. Ao remate, cada alumno/a levou como agasallo unha semente de gladíolo para _MG_4414lembrar o seu paso polo centro.

Pero un dos momentos máis divertidos chegou ao final da mañá coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas para achegar aos máis pequenos a realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con discapacidade. Unha proba moi entretida e novidosa na que fixeron gala do seu enxeño e habilidade sorteando todo tipo de obstáculos. Dende logo, a mellor maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades. Grazas a todos e a todas por participar!

_MG_4502_MG_4444

post

Íntegro celebra San Valentín cunha edición especial de agasallos

En Íntegro queremos que este San Valentín sexa moi doce, e por iso os nosos usuarios e usuarias prepararon unha edición especial de agasallos con chocolate, pasteis, cremas e moito amor. Riquísimas piruletas de chocolate con forma de bico, cup cakes de cores en dous tipos de envases e cestiñas de caramelos son algúns dos produtos que tivemos á venda esta semana no centro comercial Carrefour de Coristanco e nas nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños).

CARREFOUR 2

A estancia en Coristanco resultou altamente satisfactoria. De feito, só tiñamos previsto estar en Carrefour o xoves, pero recibimos tan boa acollida que decidimos repetir hoxe. Jessica e María Luisa foron as encargadas de atender o stand e de ofrecer aos visitantes toda a información sobre os agasallos elaborados polos usuarios e usuarias do centro ocupacional, tanto dos doces (cup cakes a 1,50 e 3 euros, piruletas a 2 euros…) coma dos de bixutería (pulseiras a 3 euros, chaveiros, colgantes…). Ademais, agasallaron a todas as persoas que visitaron o posto cunha rosa feita a man nas nosas instalacións, e ofreceron información sobre o centro e as actividades que levamos a cabo.

CARREFOUR 1

Dende Íntegro queremos agradecer á xerencia do hipermercado Carrefour a súa colaboración e as facilidades que nos deron para dar visibilidade aos artigos que elaboran os nosos usuarios e usuarias. Despois desta edición especial de agasallos para o Día dos Namorados xa estamos pensando en novas creacións para Pascua.