post

Escolares de Camariñas e Ponte do Porto comparten risas e coñecementos no Visítanos

 46 alumnos e alumnas de 4º de primaria realizaron un percorrido polas instalacións e participaron en todos os obradoiros coa axuda de mestres/as e usuarios/as 

Esta semana o Centro de Recursos Íntegro recibiu a visita dun grupo de alumnos e alumnas dos colexios de educación primaria de Camariñas e Ponte do Porto para participar nunha nova edición de Visítanos, unha actividade de sensibilización incluída no programa Capacíta-T destinada a concienciar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión.

Onte, a primeira hora da mañá, 46 nenos e nenas de 4º curso do CEIP O Areal de Camariñas e o CEIP Ponte do Porto aterraron nas instalacións da asociación Íntegro dispostos a coñecer de preto o funcionamento da nosa entidade e achegarse ao día a día dos nosos usuarios e usuarias. Logo da charla de benvida e a proxección dun vídeo, os/as estudantes comezaron unha viaxe polas dependencias, tanto do Centro de Día como do Centro de Recursos, con parada en todas as aulas incluída a zona de xardíns e invernadoiros.

Os obradoiros de artes manuais, como o de confección de xabóns de glicerina e pulseiras de macramé, foron algúns dos que máis sorprenderon aos escolares, que non dubidaron en poñerse mans á obra para elaborar as súas propias creacións e levalas para as súas casas como recordo do seu paso polo centro.

 

Na cociña e no ximnasio tamén tiveron oportunidade de poñer a proba as súas habilidades coa axuda dos nosos usuarios/as e os seus propios mestres/as, aos que, por certo, a repostería non se lles dá nada mal. Ademais de realizar circuítos de mobilidade sobre unha cadeira de rodas, tamén se achegaron ao obradoiro de carpintería para tomar boa nota das labores de recuperación de mobiliario urbano que levamos a cabo e concienciarse sobre a importancia de coidar e conservar os bens e os espazos públicos. Na sala de logopedia houbo tempo para xogar e rir a gargalladas con algunhas probas que, ao principio, semellaban resistirse como as pompas de xabón ou os ollos saltóns.

Finalmente, os/as estudantes elaboraron un mural conxunto coas súas impresións dunha xornada na que ademais de aprendizaxe e coñecementos, houbo emocións e moita diversión. Grazas a todos e a todas por vir!

 

 

post

O CEIP de Buño transfórmase nunha Diverescola para os/as estudantes de infantil e primaria

Preto de 30 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño (Malpica) convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer, Lucía Blanco, iniciaba unha xornada de sensibilización repleta de xogos na que participaron preto de trinta nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que meterse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e destreza a través da realización dunha serie de probas coa mobilidade reducida e os ollos tapados.  Os primeiros en apuntarse ao circuíto de obstáculos foron os/as 17 estudantes de educación infantil, que superaron con nota a actividade, dando exemplo da súa capacidade de empatía. De seguido, 11 nenos e nenas de diferentes ciclos de primaria tamén tiveron a oportunidade de comprobar cales son algunhas das barreiras que han de sortear as persoas que posúen algún tipo de discapacidade. Unha vez máis, os/as máis pequenos da casa volvéronnos a sorprender facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta  pola educación inclusiva dende a infancia.

post

Visítanos! abre a porta da diversidade a estudantes de primaria do CPI de Zas

27 alumnos/as de 4º, 5º e 6 de primaria visitaron o centro de Nantón e participaron en diferentes obradoiros cos nosos usuarios dentro do programa Capacíta-T

Esta semana as portas de Íntegro volveron a abrirse para un grupo de escolares da Costa da Morte cos que celebramos unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa que forma parte do programa Capacíta-T co que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade.

Achegar o día a día das persoas con diversidade funcional aos estudantes de infantil e primaria  é unha ensinanza máis doada, entretida e efectiva cando os/as propios/as protagonistas se converten en mestres/as por unhas horas e os libros en divertidos xogos e actividades coas que imaxinar, crear e descubrir as capacidades e habilidades que todos e todas levamos dentro. Onte foi a quenda de 27 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria do CPI de Zas que participaron, case sen sabelo, nunha xornada de sensibilización que deseguido se transformou nun excelente exercicio de convivencia e interacción cos nosos usuarios e usuarias, dos/as que aprenderon verdadeiras leccións de vida.

Tras a proxección dun vídeo explicativo sobre o funcionamento do centro e as actividades que nel se desenvolven tocou pasar a acción. Divididos en varios grupos, os e as estudantes foron visitando os diferentes obradoiros do Centro Ocupacional. Nesta ocasión, ademais de elaborar xabóns de glicerina e pulseiras de macramé, os alumnos/as tamén tiveron a oportunidade de participar nun obradoiro de exercitación mental a través de xogos de habilidade e rapidez que souberon resolver sen grandes dificultades aínda que, iso si,  axudados/as en ocasións polos nosos usuarios/as.  E se no taller de logopedia aprenderon a rir comezando por eles mesmos, no de cociña demostraron as súas incribles dotes para a repostería elaborando unha riquísima tarta de chocolate, merecedora dunha estrela Michellin.

 

Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas. Esperemos que fosen tan positivas e gratificantes como para nós. Vémonos na próxima edición de Visítanos!

post

Estudantes de Camariñas e da Ponte do Porto protagonizan unha nova edición de Visítanos!

Esta actividade educativa forma parte do programa Capacíta-T que Íntegro imparte aos escolares da Costa da Morte

Non podiamos comezar mellor a semana na que se conmemora o Día Internacional da Diversidade Funcional (3 de decembro) xa que onte as portas da Asociación Íntegro volveron a abrirse para celebrar unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade aos máis pequenos.

_mg_2451Nesta ocasión, 36 alumnos e alumnas do CEIP O Areal de Camariñas e do CEIP da Ponte do Porto visitaron as nosas instalacións de Nantón para coñecer de preto o funcionamento do centro e o día a día dos nosos usuarios e usuarias. A xornada deu comezo cunha breve presentación da entidade para explicarlles aos estudantes os obxectivos e valores cos que traballamos en favor das persoas con diversidade funcional.  Dende o primeiro momento,  os alumnos e alumnas amosáronse moi participativos e interesados/as en achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual como quedou ben patente coa proxección da curtametraxe Lo Incorrecto, da Fundación Prevent. Tamén se lles amosou un vídeo resumo coas actividades levadas a cabo ao longo do 2015.  _mg_2637

Durante algo máis de dúas horas realizamos un percorrido polas instalacións para coñecer máis polo miúdo o traballo que realizan diariamente os nosos usuarios/as nos diferentes obradoiros ocupacionais. O taller de artes manuais foi parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de descubrir algunhas das técnicas empregadas polos nosos usuarios/as para confeccionar os produtos de artesanía que comercializamos, e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar poñendo a proba as súas dotes creativas na confección de xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora. O resultado foi sorprendente!_mg_2611

A visita ao invernadoiro foi, sen dúbida, unha das que suscitou maior expectación entre os escolares que non dubidaron en amosar os coñecementos adquiridos tras as explicacións dadas polos nosos técnicos. No xardín terapéutico traballaron con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición, dignos de verdadeiros artistas. Así mesmo, realizamos un taller de recoñecemento de especies arbóreas autóctonas a partir de follas que tiñamos recollidas para a ocasión.

_mg_2481

Pero un dos momentos máis divertidos chegou ao final mañá coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas coa finalidade de achegar aos máis pequenos á realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con discapacidade. Unha proba moi entretida e novidosa na que tiveron que poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. A mellor maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.

_mg_2516

_mg_2587