post

Íntegro participará na I Edición do Camiño dos Faros Inclusivo

Se esta Semana Santa non podes ou non te animas a realizar unha das rutas accesibles do Camiño dos Faros pola Costa da Morte non te preocupes porque logo desta festividade terás novas oportunidades de facelo. O vindeiro día 2 de abril, sábado, a federación de Anpas da Costa da Morte ofréceche a posibilidade de desfrutar dun día en contacto coa natureza descubrindo algunhas das paisaxes máis fermosas da nosa costa.

Dende a Asociación Íntegro cremos que esta é unha boa ocasión para gozar dunha xornada ao aire libre coñecendo algúns dos lugares de maior riqueza paisaxística e inaccesibles, ata o de agora, para as persoas con mobilidade reducida. Por iso participaremos, xunto a outras entidades sociais e culturais, na I Edición Camiño dos Faros Inclusivo coa finalidade de ofrecer a posibilidade de formar parte dunha expedición aberta á participación de persoas con diversidade funcional e que, seguro, resultará atractiva, novidosa e moi sorprendente.

Camiño dos faros

A ruta, que se desenvolverá dende Monte Branco ata Ponteceso, dará comezo cunha pequena charla a cargo do polifacético escritor e percebeiro, Suso Lista. A continuación, iniciarase a expedición, de 3 quilómetros aproximadamente, dende o punto de encontro fixado no observatorio ornitolóxico. As persoas que o desexen poderán abandonar o roteiro no punto que desexen. Para os que non coñezan a zona, estas son as indicacións para chegar ao lugar de partida.

Observatorio ornitolóxico

Ao chegar a Ponteceso, tomar desvío estrada de Ponteceso a Corme (AC424), pasando por diante da casa natal do poeta Eduardo Pondal, ao lado da ponte sobre o río Anllóns. Continuar ata o cruce de Cospindo (1.4 Kms). Xirar á esquerda, en dirección ao lugar de Currás e chegas aquí.

Tras finalizar o percorrido, está previsto realizar unha visita ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) que concluirá coa celebración duns pinchos na localidade de Ponteceso. Aos que aínda lle queden folgos poderán achegarse ata o pub A Eira para gozar do concerto que ofrecerá a Traskiband.

Inscricións

Para participar na I Edición do Camiño dos Faros só é preciso seguir estas instrucións que atoparás en www.fedanpas.org.

Cubrir os datos de “Inscrición roteiro” e devolvelo asinado a través do mesmo correo electrónico. No caso de menores de idade, cubrir no espazo denominado “PARA MENORES DE IDADE”. Unha vez rematado, devolver o prego asinado a través de fedanpas@gmail.com.

É importante que tanto a Federación de ANPAs da Costa da Morte como os colectivos organizadores teñan coñecemento do número de participantes para a correcta organización da ruta.

Aquí che deixamos o programa ao completo pero lembra que tes toda a información dispoñible en www.fedanpas.org. Únete á inclusión!

ProgramaCarta I Camiño dos Faros Inclusivos, federación ANPAs_3

15:00 h- charla con Suso Lista
15:30h – inicio do roteiro (sobre 3 Kms) quedada no observatorio ornitolóxico (punto de encontro)
– observación dunas Monte Branco
– observatorio ornitolóxico
– malecón do Couto
– final do malecón do Couto
– ponte de Ponteceso

18:00h. visita ao Melga (museo etnolúdico de Galicia).
21:00h. de pinchos por Ponteceso
23:00 h. concerto da TraskiBand no Pub A Eira
24:00h. Imos para a cama que hai que descansar…

Datos de interese

PROTECCIÓN CIVIL PONTECESO (RUBEN) 663117132 /660043855 (urxencia)
CENTRO MÉDICO PONTECESO 981714802 /981713664
GRUPO DE EMERXENCIAS 24 horas GESM 660043855
TAXIS PONTECESO Parada 981714110