A xornada celebrarase o 12 de decembro no edificio Fórum Carballo e abordará catro ámbitos fundamentais: sexualidade, accesibilidade, emprego social, deporte e lecer inclusivos
A asociación Íntegro celebrará o 12 de decembro unha nova xornada formativa titulada «Repensando a inclusión: persoas, dereitos e oportunidades», unha iniciativa que busca xerar un espazo de encontro, aprendizaxe e reflexión arredor dos principais retos para avanzar cara a unha sociedade máis accesible, equitativa e participativa.
O encontro terá lugar no auditorio do Fórum do Concello de Carballo, en horario de 9:30 a 14:00 horas, e contará coa participación de profesionais de entidades especializadas como Acadar, Cogami, Cegasal, +Porvir e Fundación ENKI, que achegarán experiencias, coñecementos e ferramentas prácticas desde diferentes ámbitos de intervención.
Esta nova convocatoria dá continuidade a un primeiro encontro, celebrado hai un ano baixo o título «Xornada sobre sexualidade sen barreiras», ampliando nesta ocasión o foco a outras cuestións esenciais para garantir os dereitos, a autonomía e a participación das persoas con discapacidade na sociedade.
Baixo a premisa de que todas as persoas teñen dereito a elixir, participar, gozar e construír o seu propio proxecto de vida, a proposta pretende afondar na necesidade de crear contornas accesibles, proporcionar os apoios adecuados e recoñecer a diversidade como un valor inherente á sociedade.
Catro ámbitos para avanzar cara a unha inclusión real
O programa estrutúrase en catro bloques temáticos que abordarán cuestións fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
A primeira intervención, titulada «Falemos de sexualidade: acompañamento e prevención», correrá a cargo de Paula Fariña, psicóloga, e María Caneda, traballadora social, ambas integrantes do equipo profesional de Acadar. A súa exposición centrarase nos dereitos sexuais, nas barreiras sociais que aínda existen e nas estratexias e recursos necesarios para acompañar a sexualidade e previr posibles situacións de abuso.
A continuación, Diego Piñeiro, arquitecto e técnico de accesibilidade de Cogami, xunto con Álvaro García, membro da súa Xunta Directiva e coordinador da área de Accesibilidade e de Cogami Xenera, abordarán a «Accesibilidade na práctica: servizos, deseño universal e intervencións reais». A sesión ofrecerá unha visión práctica desta materia, achegando exemplos de actuacións concretas e dando a coñecer servizos e recursos orientados á eliminación de barreiras.
O terceiro bloque estará dedicado ao emprego social e aos Centros Especiais de Emprego de iniciativa social. Participarán Herminio Martínez, presidente de Cegasal e Foroesgal, cunha ampla traxectoria na xestión e dirección deste tipo de centros, e Sandra Caamaño, xerente do centro especial de emprego +Porvir. Durante a súa intervención explicarán o funcionamento e as diferenzas entre os Centros Especiais de Emprego (CEE) e os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS), así como o papel da economía social na promoción do emprego inclusivo.
Pechará o apartado de relatorios Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional e directora de proxectos da Fundación ENKI, cunha intervención sobre «Repensando o deporte e o lecer: inclusión en movemento». A partir da experiencia desta entidade, afondará no valor da actividade física e recreativa como dereito e ferramenta de participación, destacando a importancia dos apoios e da accesibilidade para que todas as persoas poidan elixir, participar e gozar en igualdade de condicións. A programación completarase cunha pausa para o café, un espazo de debate e intercambio de reflexións entre as persoas asistentes e o acto de clausura.
A iniciativa está dirixida ao público xeral e, especialmente, a profesionais dos ámbitos social, educativo, sanitario e comunitario, así como a entidades, familias e persoas interesadas na discapacidade e na igualdade de oportunidades.
Inscricións abertas ata o 7 de decembro
A participación ten un custo de 5 euros e inclúe un certificado de asistencia. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 7 de decembro a través do seguinte formulario: https://forms.gle/xEm7vfnfee2f8ZXM8
O aforo é limitado, polo que desde Íntegro animan a todas as persoas interesadas a reservar a súa praza canto antes e participar nesta mañá de formación, intercambio e reflexión colectiva.




