Un grupo de usuarios e usuarias de Íntegro viaxará mañá ata a localidade de Noia para participar no I Encontro Olímpico A Creba 2016, que organiza a Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Trátase dunha xornada deportiva e de convivencia á que asistirán numerosas entidades sociais da provincia de A Coruña coa finalidade de dar visibilidade ao deporte adaptado e fomentar a súa práctica entre as persoas con diversidade funcional.
Para a edición deste ano, os nosos usuarios/as levan varias semanas ensaiando as diferentes probas a realizar nas modalidades de salto, atletismo, equitación e tiro. O acto de apertura, que terá lugar no pavillón municipal de Noia ás 10:30 horas, dará comezo cun desfile inaugural no que cada entidade participará portando a súa bandeira oficial e que, no noso caso, foi elaborada por nós mesmos/as. De seguido, comezará unha competición que se prevé difícil e moi concorrida na que os/as nosos/as representantes tentarán facerse con algunha medalla e deixar o pavillón o máis alto posible. Ao longo da mañá a asociación Íntegro terá que medirse ante os equipos de Adismisbur, Amicos, Ambar, Misela e A Creba.
Probas
Na categoría de salto haberá dúas probas: salto e salto en cadeira de rodas. En ambos casos, haberá dous participantes por entidade que deberán, cun só impulso, desprazarse o máis lonxe posible. Para elo, contarán con tres intentos.
En atletismo tamén haberá diferentes modalidades: carreira en media pista, carreira de sacos, de relevos e en cadeira de rodas. Os/as participantes, dous por asociación, deberán percorrer distancias de media pista agás en relevos que o farán bordeando o exterior da pista de baloncesto e en grupos de 4. Os finalistas da carreira en cadeira de rodas terá unha dificultade engadida debendo realizar a proba en zig-zag.
A proba de equitación será, sen dúbida, unha das máis divertidas xa que os/as xogadores/as deberán de superar un percorrido de obstáculos no menor tempo posible. Cuestión de habilidade e moita rapidez!
Na modalidade de tiro tamén haberá dúas probas de agudeza visual e nas que será determinante a boa puntería. Ademais do tradicional tiro de disco, os/as participantes terán que facer gala da súa destreza para encestar unha pelota en varios cubos de distintos diámetros e a diferentes distancias. Gañará quen máis puntos acade. Ás 14h procederase á entrega de medallas aos gañadores/as e, a continuación, celebrarase un xantar popular.
Os nosos e as nosas representantes acoden a estas olimpíadas cos deberes feitos e as probas ben ensaiadas pero como soe dicirse nestes casos: “ a sorte está botada e que gañe o mellor”. En calquera caso, o que si temos asegurado é unha xornada con moito deporte, diversión e boa compañía xunto ao resto de entidades participantes. Grazas á Asociación A Creba pola invitación e os nosos parabéns por esta iniciativa. Moita sorte, Íntegro!