post

Íntegro visita o CEIP Canosa-Rus de Coristanco para informar sobre a prevención de lesións medulares

Esta mañá o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o vicepresidente, Ramón Pombo, e o vogal, David Pombo, estiveron cos alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Canosa-Rus de Coristanco para presentarlles a nova campaña de prevención de lesións medulares, que está a realizar a nosa entidade en varios centros educativos da Costa da Morte. Durante a visita, explicáronlles as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e déronlles a coñecer as correspondentes medidas de prevención. Na biblioteca do colexio levouse a cabo unha charla teórica para concienciar aos estudantes sobre os danos irreparables que causan as prácticas de risco en praias e piscinas ou en accidentes de tráfico, ao tempo que lles informaron sobre como evitalos.

la-foto-1

Durante a xornada, que resultou moi satisfactoria e enriquecedora, os escolares puideron coñecer da man dos seus protagonistas as experiencias persoais que os levaron a sufrir unha lesión medular, o que espertou gran interese entre o alumnado que no dubidou en facer todo tipo de preguntas relacionadas coas dificultades e a complexidade de vivir sobre unha cadeira de rodas. Para elo, ao longo da mañá, realizaron diversas actividades lúdicas e deportivas para poñer a proba a súa destreza. Xa no ximnasio do centro educativo poideron vivir unha experiencia que resultou tan divertida como sorprendente ao comprobar, en primeira persoa, o difícil que pode chegar a ser realizar accións tan sinxelas como desprazarse dun lugar a outro ou subir e baixar unha beirarrúa. Aínda así, houbo quen se atreveu a botar unha carreira sobre a cadeira de rodas!

la-foto-2

Dende a asociación Íntegro queremos destacar a boa acollida que está a ter esta campaña de  prevención entre os/as escolares da zona e agradecer a colaboración de todas as empresas e institucións involucradas neste proxecto encamiñado á sensibilización dos máis pequenos/as coa finalidade de que tomen conciencia do gran número de obstáculos que deben sortear as persoas con mobilidade reducida na súa vida cotiá. Grazas aos alumnos/as de 6º de primaria polo seu interese e participación durante a xornada. Pasámolo xenial!