Tras el acto de presentación, que tuvo lugar ayer en la casa consistorial de Carballo, los responsables de Íntegro celebraron su primera charla en el IES Alfredo Brañas
Tras o acto de presentación, que tivo lugar onte na Casa do Concello de Carballo, os responsables de Íntegro celebraron a súa primeira charla no IES Alfredo Brañas
A Casa do Concello de Carballo foi o lugar escollido pola asociación Íntegro para poñer en marcha unha nova edición da campaña de prevención de lesións medulares de cara ao ano 2018. Durante o acto de presentación, celebrado onte, o presidente da nosa entidade, Adolfo López Baña, estivo acompañado doutros membros da entidade como David Pombo e Teresa Fuentes Alvarellos, lesionados medulares e membro directivo e socia, respectivamente, ademáis da educadora social Tania Bartucca. Xunto a eles, estiveron a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero. A continuación, os responsables da campaña desprazáronse ata o IES Alfredo Brañas para inaugurar a nova temporada cunha charla de sensibilización dirixida aos estudantes de secundaria.
Na súa intervención no consistorio, López Baña lembrou os inicios deste proxecto e fixo un breve repaso ata os nosos días destacando que “levamos 25 anos intentando que os rapaces se conciencien para que diminúan as lesións medulares”. E o certo é que as cifras falan por si soas xa que nos últimos anos as estatísticas amosan un importante descenso de lesionados en praias e accidentes de tráfico, dato que pode gardar relación coa postas en marcha de actividades de concienciación social como a de Íntegro e sobre a que o noso presidente afirmou con rotundidade que “se en todos estes anos evitamos un só caso xa pagou a pena”.
Pola súa banda, o alcalde de Carballo cualificou de “traballo extraordinario” o desenvolvido pola asociación e animou aos seus representantes a que “non vos cansedes” porque aínda que queda moito por facer en canto á eliminación das barreiras físicas, “moitas cousas van mellorando grazas ao esforzo colectivo que fan entidades como Íntegro”, matizou Ferrero.
Ao rematar a presentación da campaña na Casa do Concello, os membros de Íntegro desprazáronse ata o IES Alfredo Brañas para ofrecer a primeira charla da nova temporada da campaña de prevención dirixida aos estudantes de secundaria da Costa da Morte. Durante o encontro cos mozos e mozas carballeses/as tamén se proxectou o vídeo “A ti tamén che pode pasar”, no que se analizan as causas e consecuencias de sufrir unha lesión con vivencias e testemuñas reais, e realizáronse algúns exercicios de mobilidade sobre cadeiras de rodas para poñer a proba a destreza e habilidade dos alumnos/as. Á volta das vacacións de Nadal está previsto fixar novas citas, que corresponderán aos IES Monte Neme e Isidro Parga Pondal.
Na actualidade, Íntegro tamén está traballando na organización de charlas dirixidas a persoas maiores debido ao aumento de caídas fortuítas e accidentes domésticos, especialmente, entre este colectivo. Vémonos moi pronto!