O servizo de orientación laboral para a mellora do emprego foi un dos máis demandados logrando ata 5 insercións
Un ano máis, a implicación e o compromiso institucional fixo posible que o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito rural (PIMD Rural) experimentase un notable crecemento na Costa da Morte chegando a consolidarse como o principal servizo de atención e intervención para mulleres con especial vulnerabilidade, principalmente con diversidade funcional e residentes na zona rural. No último ano, 56 mulleres foron atendidas por este servizo e resultaron beneficiadas das diferentes accións formativas levadas a cabo para erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitaron o seu empoderamento e reforzaron o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade. Neste sentido, os resultados falan por si mesmos! En 42 casos realizáronse seis ou máis intervencións para mellorar a situación laboral, persoal e familiar das receptoras, logrando ata 5 insercións laborais durante o período comprendido entre outubro de 2017 e setembro de 2018.
Desde o punto de intervención, ademais de visualizar a realidade destas mulleres en situación de vulnerabilidade, fomentouse o seu acceso a determinados servizos e recursos que, doutro xeito, non sería posible. Continuando co traballo desenvolvido en edicións anteriores, achegóuselles información e asesoramento tanto ás mulleres participantes como ás súas familias, sendo os recursos en materia de discapacidade e dependencia os máis demandados. Así mesmo, prestóuselles axuda na xestións de trámites persoais e familiares de carácter administrativo. Outro dos aspectos solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural foi o apoio na resolución de conflitos, principalmente de orixe familiar. Neste senso, incidiuse na adquisición de habilidades persoais e familiares para afrontar os problemas de maneira autónoma e mellorar as relacións interpersoais (xestión económica, obrigas, normas de participación social, hábitos dentro e fóra do fogar).
Mellora do emprego
Un ano máis, os servizos de orientación, formación e a busca de emprego foron os máis solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural acadando un elevado nivel de participación. Por unha banda, ao longo do ano, realizáronse numerosas accións formativas para dotar ás usuarias de novas competencias e habilidades que contribuíron a mellorar a súa empregabilidade. Neste senso, puxéronse en marcha varios talleres creativos e obradoiros de contido moi variado: habilidades domésticas, cociña, igualdade de xénero, alfabetización de adultos, manexo de smartphone e tablet, auto-coidados, novas tecnoloxías e técnicas para a busca de emprego.
Por outra banda, proporcionouse apoio directo na prospección do emprego así como acompañamento na busca de traballo e axuda para a elaboración de currículos. Desde Íntegro, tamén se analizaron as necesidades do tecido empresarial local para adecuar a oferta á demanda, axustando ao mercado os perfís profesionais das usuarias dos puntos de intervención.
Ao longo de todo o ano, a nosa entidade traballou de forma coordinada co Servizo de Intermediación Laboral de Cogami (SIL Cogami) así como cos departamentos de inclusión da Costa da Morte e os orientadores laborais locais dos diferentes concellos. Neste senso, o asesoramento xurídico e a atención psicolóxica prestadas ás mulleres que participaron no programa foron derivadas ao CIM de Carballo, froito dun convenio de colaboración entre ambas entidades.
Dada a boa acollida que esta iniciativa está a ter na Costa da Morte e ante a crecente demanda de usuarias procedentes doutras localidades, en Íntegro seguimos traballando para ampliar o ámbito de actuación do PIMD a outros municipios e incrementar así a nosa colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.
Permanecede atentas porque moi pronto estaremos de volta!