post

Os concellos de Costa Bergantiñá implícanse na posta en marcha dos PIMD Rural

Os concellos de Cabana, Laxe, Malpica e Ponteceso, que compoñen a asociación supramunicipal Costa Bergantiñá, expresaron no Día Internacional da Muller o seu compromiso coa posta en marcha dos Puntos de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD) Rural, un servizo que funciona dende o ano pasado no centro dIMG_20160308_121417e recursos de Nantón e que moi pronto estará dispoñible tamén nos concellos.

Os alcaldes de Cabana, Manuel Muíño; Laxe, José Manuel Mouzo, e Malpica, Eduardo Parga; así como as concelleiras Marisol Blanco, responsable de Servizos Sociais e Igualdade en Malpica; e Isabel Vuelta e Susana Toja, de Ponteceso, asistiron onte en Nantón á presentación do PIMD. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou que a extensión dos puntos de intervención limítase de momento aos concellos de Costa Bergantiñá por cuestións de persoal, aínda que a intención de Íntegro é continuar coa ampliación en función da dispoñibilidade dos técnicos e da implicación dos concellos.

A terapeuta ocupacional e directora do centro de recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, foron as encargadas de explicar as liñas xerais do PIMD Rural, un programa específico de asesoramento e intervención integral para mulleres con diversidade funcional, tanto no ámbito social coma no educativo, o cultural ou o laboral. De feito, aínda que a iniciativa botará a andar en colaboración cos departamentos municipais de Servizos Sociais, o obxectivo é implicar tamén a orientadores/as laborais e axentes de desenvolvemento local.