post

250 persoas mobilizáronse esta mañá en Ponteceso para esixir a accesibilidade universal

Íntegro e o CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso protagonizaron a única concentración celebrada na Costa da Morte na que tamén participaron varios responsables municipais e numerosos veciños e veciñas

Esta mañá usuarios/as, traballadores/as, familiares e directivos/as da asociación Íntegro participaron xunto á comunidade escolar do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso ao completo, o concelleiro de educación, Carlos Penedo, e un grupo de veciños e veciñas nunha concentración conxunta en favor da accesibilidade universal de contornas, bens, produtos e servizos, promovida por COCEMFE de forma simultánea en todo o territorio nacional. Pese a que, por mor da choiva, houbo que cambiar de escenario e trasladarse ao patio do centro educativo- con aforo limitado- a asistencia ao acto foi masiva cumpríndose así as expectativas previstas.

Arredor de 250 persoas esixiron hoxe en Ponteceso a eliminación de todo tipo de barreiras para dar cumprimento ao mandato da Lei Xeral de Dereitos de Persoas con Discapacidade y e da súa Inclusión Social, que establece o 4 de decembro de 2017 como límite temporal para que todos os produtos, bens, contornas e servizos sexan accesibles. Neste senso, tanto os representantes do colexio como os/as integrantes da entidade de Nantón solicitaron a inmediata posta en marcha de medidas urxentes encamiñadas á erradicación de elementos que vulneren os dereitos e liberdades das persoas con discapacidade impedindo así a consecución dunha vida autónoma e independente.

Durante a lectura do manifesto, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, apelou ao compromiso institucional e á concienciación social de todos os cidadáns destacando que “unha sociedade baseada na accesibilidade e o deseño para todas as persoas facilitaríanos a participación e a normalización en todo o que realiza o resto da poboación”. Deste xeito, destacou á importancia de garantir a igualdade de oportunidades e dereitos de todos/as. Neste punto tamén coincidiron os alumnos e alumnas do CEIP Eduardo Pondal que subliñaron no seu discurso que “un mundo accesible é un mundo cómodo, moderno e integrador  ao alcance do noso colectivo e, polo tanto, tamén máis amigable para todas as persoas”, matizaron.

A continuación, varios membros da asociación conversaron cos estudantes para intercambiar impresións sobre a xornada. Moitos deles/as tamén se animaron a contar as súas propias experiencias cando, por mor dunha lesión ou enfermidade, sufriron na súa propia pel unha limitación temporal da mobilidade e as conseguintes dificultades derivadas da falta de accesibilidade.

Máis concentracións

Concentración esta mañá en A Coruña

Pese a que esta foi a única concentración celebrada na Costa da Morte, esta mañá tamén se realizaron de forma simultánea mobilizacións en 35 cidades españolas, 11 delas galegas, nas que participaron preto de 3.000 persoas. En Galicia, cidades como Santiago, A Coruña, Noia, Ourense, Lugo, Monforte, Pontevedra, Mos, Pobra do Caramiñal e O Carballiño foron os outros escenarios elixidos por COGAMI e as súas entidades para reivindicar #AccesibilidadYA, como rezaba o lema da campaña.

Desde Íntegro queremos dar as grazas a todos os/as participantes pola súa asistencia así como á dirección do colexio pontecesán pola cesión das súas instalacións para a realización desta concentración.