Os alumnos e alumnas do curso de “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais” desprazáronse ata o municipio de Cerceda para coñecer por dentro o funcionamento dunha planta de tratamento e reciclaxe de residuos
Onte un grupo de alumnos e alumnas do curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, que se está a impartir no Centro de Recursos e Nantón (Cabana) a través do Programa Operativo de Galicia 2014-2020, cambiou as aulas polo complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, para coñecer de preto o funcionamento dunha das plantas de reciclaxe máis importantes de Galicia.
En primeiro lugar, acompañados/as por varios educadores medioambientais, asistiron a unha sesión teórica na que se proxectou un vídeo explicativo sobre os obxectivos da empresa e a súa actividade no ámbito industrial e socio-educativo, que suscitou gran interese e expectación entre os nosos usuarios/as ademais dalgunha que outra curiosa pregunta que deixou entrever o seu alto grao de compromiso e concienciación ambiental. A continuación, realizaron un percorrido guiado polas instalacións visitando cada unha das plantas que conforman a infraestrutura.
Primeiro quixeron coñecer “in situ” o traballo que se realiza na zona de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks dos contedores amarelos para separalos e remitilos aos centros reciclados. Despois desprazáronse ata a nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, para ver como se prepara o combustible derivado de residuos que é valorizado nunha plantatermoeléctrica para producir enerxía suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Sen dúbida, a xornada en Sogama estivo marcada, de principio a fin, por unha chea de sorpresas e novidades que deixaron pegada nos nosos alumnos e alumnas e das que, seguro, tomaron boa nota para continuar fomentando o respecto e o compromiso social co medio ambiente.
Plan formativo 2017/2018
O curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, no que participan dez alumnos e alumnas, forma parte do novo plan de formación que Íntegro vai desenvolver entre o 2017 e o 2018 para mellorar a capacitación laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e así procurarlles un emprego digno e de calidade. Ademais deste obradoiro, a entidade porá en marcha outros tres: axudante de cociña, peón de xardín e auxiliar de almacén. Todos están incluídos no Programa Operativo de Galicia 2014-2020, co-financiado pola Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).
Sorte e a por todas!