27 alumnos/as de 4º, 5º e 6 de primaria visitaron o centro de Nantón e participaron en diferentes obradoiros cos nosos usuarios dentro do programa Capacíta-T
Esta semana as portas de Íntegro volveron a abrirse para un grupo de escolares da Costa da Morte cos que celebramos unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa que forma parte do programa Capacíta-T co que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade.
Achegar o día a día das persoas con diversidade funcional aos estudantes de infantil e primaria é unha ensinanza máis doada, entretida e efectiva cando os/as propios/as protagonistas se converten en mestres/as por unhas horas e os libros en divertidos xogos e actividades coas que imaxinar, crear e descubrir as capacidades e habilidades que todos e todas levamos dentro. Onte foi a quenda de 27 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria do CPI de Zas que participaron, case sen sabelo, nunha xornada de sensibilización que deseguido se transformou nun excelente exercicio de convivencia e interacción cos nosos usuarios e usuarias, dos/as que aprenderon verdadeiras leccións de vida.
Tras a proxección dun vídeo explicativo sobre o funcionamento do centro e as actividades que nel se desenvolven tocou pasar a acción. Divididos en varios grupos, os e as estudantes foron visitando os diferentes obradoiros do Centro Ocupacional. Nesta ocasión, ademais de elaborar xabóns de glicerina e pulseiras de macramé, os alumnos/as tamén tiveron a oportunidade de participar nun obradoiro de exercitación mental a través de xogos de habilidade e rapidez que souberon resolver sen grandes dificultades aínda que, iso si, axudados/as en ocasións polos nosos usuarios/as. E se no taller de logopedia aprenderon a rir comezando por eles mesmos, no de cociña demostraron as súas incribles dotes para a repostería elaborando unha riquísima tarta de chocolate, merecedora dunha estrela Michellin.
Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas. Esperemos que fosen tan positivas e gratificantes como para nós. Vémonos na próxima edición de Visítanos!