Máis de 60 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T
Os alumnos/as de infantil e primaria do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.
Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os pupitres dos alumnos/as de 1º de primaria en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais e contacontos de vida e superación, no caso dos/as escolares de infantil. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco, acompañada por dous dos nosos usuarios/as, iniciaba unha xornada de sensibilización, incluída na Semana Cultural do centro, repleta de xogos na que participaron 62 nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.
Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que poñerse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e a súa destreza a través da realización dunha serie de xogos de barreiras que consistiron en escribir coa man que non empregan habitualmente e descubrir obxectos cos ollos tapados. Pese á dificultade das probas, todos os/as participantes lograron superalas con nota facendo gala dunha excelente capacidade de adaptación e empatía.
Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto, encamiñado a promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia.