post

O CPI de Zas acolle a última xornada da campaña de prevención de lesións medulares

As charlas informativas nos centros educativos de primaria e secundaria regresarán ás aulas tras as vacacións de verán

Os alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI de Zas foron os encargados/as de pechar esta semana o ciclo de charlas informativas da campaña de prevención de lesións medulares que a asociación Íntegro levou a cabo durante o presente curso escolar en numerosos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte.

O pasado martes o presidente da entidade, Adolfo López Baña, acudiu xunto ao vogal David Pombo e a nosa traballadora social, Sandra Reimúndez, ata o centro educativo para  explicarlles aos escolares en que consiste unha lesión medular e como se pode evitar. Neste senso, Teresa e Elena, dúas socias e voluntarias de Íntegro, tamén relataron as súas experiencias persoais e insistiron na necesidade de previr prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables, especialmente durante a temporada de verán como consecuencia de imprudencias ao volante ou “zambullidas” en praias e piscinas.

E que mellor maneira de concienciar e sensibilizar aos máis novos sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente deste tipo que converténdoos en protagonistas e sentalos sobre unha cadeira de rodas por uns intres. E a experiencia resultou do máis satisfactoria e enriquecedora xa que ademais de desenvolverse moi ben coa mobilidade reducida e sorteando máis dun obstáculo, amosaron posuír unha grande capacidade de empatía sabendo situarse no lugar das persoas que a diario deben enfrontarse a todo tipo de barreiras, tanto físicas como mentais.

Deste xeito, púxose o punto e final a unha campaña que despide temporada pero que moi pronto volverá ás aulas. Será co regreso dos/as estudantes, tras as vacacións do verán, grazas en parte á crecente acollida que este ano tivo esta iniciativa entre a comunidade educativa, incrementando notablemente a demanda deste tipo de formación. Cada vez son máis os centros que solicitan estas accións informativas e máis os rapaces e rapazas que se interesan por aprender e coñecer en materia de prevención e sensibilización social. Outro exemplo son as cada vez máis frecuentes visitas de escolares de diferentes colexios de primaria dentro do programa Visítanos!, unha actividade encamiñada á educación e capacitación dos máis pequenos en materia de diversidade, ou as xornadas de sensibilización que levamos a cabo en aulas de infantil para achegar a inclusión á infancia.

Dende Íntegro queremos desexarlle a todos os alumnos e alumnas un bo verán e que non esquezan poñer en práctica todo o aprendido durante as sesións de prevención de lesións medulares porque unha imprudencia pode custarnos a vida. Grazas por apostar por unha educación máis diversa e inclusiva porque non todo está nos libros.  Vémonos á volta!