A entidade organizará actividades de convivencia, formación e coñecemento dos recursos públicos, ademais de participar en iniciativas reivindicativas para visibilizar a situación das mulleres con discapacidade
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a asociación Íntegro desenvolve durante este mes diferentes accións de sensibilización e prevención das violencias machistas, con especial atención á realidade das mulleres con discapacidade.
A programación comezou este xoves 12 cunha saída a Zas na que participou un grupo de mulleres usuarias dos servizos da entidade. A actividade incluíu un almorzo de convivencia nun establecemento da localidade, favorecendo o encontro, o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
O 20 de novembro, profesionais de Íntegro asistirán a unha xornada formativa organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo, dirixida a compartir coñecementos e experiencias no ámbito da prevención e atención das violencias contra as mulleres.
O día 24 celebrarase en Nantón un novo encontro de mulleres «Café e conversa», ás 11.00 horas. Será un espazo de participación e reflexión no que as usuarias poderán compartir experiencias e abordar cuestións relacionadas coa igualdade, os seus dereitos e a prevención das violencias machistas.
Ao día seguinte, o mércores 25, Íntegro participará nos actos conmemorativos organizados polo Concello de Cabana de Bergantiños baixo o lema «Contra a violencia de xénero, unindo voces, rompendo silencios». A programación terá lugar ás 11.00 horas na Casa do Pendón.
A actividade continuará o 26 de novembro cunha visita ao Centro de Información á Muller de Zas. As participantes coñecerán o funcionamento deste servizo, os recursos dispoñibles e as posibilidades de información, atención e acompañamento que ofrece.
Visibilizar a violencia contra as mulleres con discapacidade 
Coincidindo co 25N, Íntegro difundirá tamén un vídeo nas súas redes sociais para denunciar todas as formas de violencia machista e reivindicar o dereito das mulleres a vivir libres de medo e a decidir sobre as súas propias vidas.
A entidade lembra que a violencia non se limita ás agresións físicas. O control, a manipulación, a humillación, o illamento ou a limitación da autonomía tamén son formas de violencia que poden permanecer ocultas.
Esta realidade presenta dificultades engadidas para as mulleres con discapacidade, que poden atoparse con barreiras relacionadas coa dependencia, o illamento social, a falta de accesibilidade á información ou as dificultades para acceder aos recursos de atención e protección.
Segundo os datos recollidos na campaña de sensibilización da entidade, unha de cada catro mulleres con discapacidade afirma ter vivido algunha situación de violencia ao longo da súa vida.
Un compromiso durante todo o ano
A prevención e atención das violencias machistas forman parte do traballo continuado de Íntegro. Entre os recursos cos que conta a entidade destacan o servizo de psicoloxía, o Punto de Intervención para Mulleres con Discapacidade (PIMD) no ámbito rural, os talleres de afectividade e sexualidade e os servizos de información e asesoramento.
A través destas iniciativas, Íntegro traballa para reforzar a autonomía persoal, facilitar ferramentas para identificar posibles situacións de abuso ou violencia e garantir que as mulleres con discapacidade coñezan e poidan exercer os seus dereitos.
A entidade insiste na necesidade de incorporar unha perspectiva inclusiva á loita contra as violencias machistas, eliminando as barreiras que dificultan a prevención, detección e atención e garantindo a todas as mulleres o acceso aos recursos e mecanismos de protección.




