post

Clausurado o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais

Dita acción formativa, na que participaron sete persoas con discapacidade, completarase coa prestación de apoio ao alumnado durante o proceso de busca activa de emprego para promover a inclusión laboral do colectivo

Trátase dun programa de aprendizaxe transversal impartido por MáisPorvir Xestión Social e cofinanciado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo (FSE)   

O curso de “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, impartido en Íntegro desde o pasado 26 de xaneiro, chegou xa á súa fin. E fíxoo cuns resultados máis que satisfactorios, tanto de aprendizaxe como de participación activa do alumnado, que completou as 284 horas de formación teórico-prácticas ofrecidas por Máis Porvir Xestión Social.

Un total de sete persoas con discapacidade e en situación de desemprego participaron nesta acción formativa adaptada, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020 e incluída na convocatoria de axudas económicas de selección de operacións para o reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “UNO a UNO” da Fundación ONCE.

Ademais das sesións teóricas, os alumnos/as realizaron prácticas non laborais no noso Centro Especial de Emprego para ampliar os seus coñecementos. Na actualidade, vimos de iniciar unha nova etapa prestando apoio ao alumnado no proceso de busca activa de emprego como parte deste programa de aprendizaxe transversal dirixido a promover a inclusión laboral deste colectivo.