post

A campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro fixo parada no IES Alfredo Brañas de Carballo

70 escolares de 4º curso participaron na xornada de sensibilización protagonizada por varios membros da entidade

A campaña de prevención de lesións medulares, promovida pola asociación Íntegro, continúa a súa andaina polos centros educativos da Costa da Morte para concienciar á mocidade sobre a importancia de evitar imprudencias que poidan poñer en perigo as súas vidas e/ou producir danos irreparables. A última parada, realizada o pasado venres 22,  tivo como destino o IES Alfredo Brañas de Carballo, onde participaron 70 alumnos/as de 4º da ESO.

Ata o centro carballés achegouse o presidente da entidade, Adolfo López Baña, acompañado polo vicepresidente, Ramón Pombo, e a educadora social Tania Bartucca para protagonizar unha xornada de sensibilización que arrincou coa proxección dun vídeo, elaborado polo Centro de Recursos de Nantón, titulado “A ti tamén che pode pasar”, no que se recollen intervencións de diferentes profesionais sanitarios e testemuños reais de persoas con lesións medulares. Durante a charla informativa que se ofreceu a continuación, os responsables de Íntegro fixeron especial fincapé na necesidade de previr situacións de risco tanto ao volante como en praias e piscinas, principais puntos de sinistralidade entre a rapazada.

No pavillón escolar o alumnado tivo a oportunidade de poñer en práctica todo o aprendido durante a mañá. Sobre unha cadeira de rodas realizaron un circuíto de mobilidade que a máis de un/ha lle resultou imposible rematar pero que lles serviu para darse conta das dificultades que cada día deben sortear as persoas con lesión medular.

Esta iniciativa, desenvolvida con gran éxito nos centros de secundaria e primaria da Costa da Morte, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña e conta ademais coa colaboración de numerosos concellos e empresas da contorna.