post

Íntegro conmemorou o Día da Diversidade con actividades de sensibilización para os máis cativos/as

Unha xornada de convivencia no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e un espectáculo infantil na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo con Mamá Cabra centraron os actos festivos e reivindicativos

Reivindicativo e festivo. Así foi o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional para a asociación Íntegro. Este ano, a entidade que preside Adolfo López Baña quixo conmemorar esta data tan sinalada cun programa de actividades aberto a toda a cidadanía e, moi especialmente, aos máis cativos/as co obxectivo de involucralos e conciencialos sobre a importancia de lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria, inclusiva e diversa. A educación e o xogo foron as ferramentas elixidas para logralo. E o balance deste 3 de decembro non podía ser máis positivo.

A programación deu comezo a primeira hora da mañá coa celebración dunha xornada de convivencia con escolares, que se desenvolveu no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso. Arredor de 100 nenos e nenas, de 3º a 6º de educación primaria, participaron durante unha hora e media dunha experiencia única e moi enriquecedora que resultou ser un gran éxito debido á excelente combinación de xogo, aprendizaxe e diversión.

 

Ao longo da mañá, as aulas do centro abriron as súas portas á diversidade e á inclusión a través da realización dalgúns dos obradoiros máis tradicionais (e máis agardados) pola cativada como o de realización de xabóns de glicerina ou bixutería, que levaron a cabo os alumnos de 5º e 6º curso. Estes últimos tamén se atreveron cun taller de robótica, no que puxeron a proba as súas habilidades coas últimas tecnoloxías. Mentres tanto, os/as estudantes de 3º tamén tiveron ocasión de innovar no obradoiro de experimentos que levaron a cabo coa axuda dos nosos usuarios/as e as súas monitoras. Por último, os máis pequenos/as (3º) participaron nun concurso de debuxo, no que puxeron de manifesto as súas habilidades artísticas e creativas baixo o lema “Todos somos iguais”.

 

 

 

 

 

 

Espectáculo infantil con Mamá Cabra

Os máis pequenos/as da casa foron xunto coas súas familias os/as protagonistas do acto central da xornada organizada por Íntegro para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Diversidade. O espectáculo de Mamá Cabra “Contos para un mundo mellor”, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón encheu de música, aventuras e moitas risas a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, ateigada de público de primeira a última hora como era de esperar, xa que os convites para acudir ao acto esgotáronse o primeiro día.

A través do conto e da palabra, peques e maiores tiveron a oportunidade de achegarse á diversidade e concienciarse sobre a necesidade de eliminar os prexuízos sociais que existen arredor das persoas don disCapacidade. Logo dunha animada actuación, todos os/as asistentes puideron desfrutar dunha deliciosa e saudable merenda a base de froita (e algún que outro doce) elaborada polos propios usuarios/as.

 

Por outra banda, o día tamén nos deixou momentos para a reivindicación como o que viviron os usuarios e usuarias que se desprazaron ata Cee para participar na concentración “Baixo o mesmo paraugas”, convocada por APEM-Cee. Xunto a compañeiros/as doutras entidades asistiron na Praza 8 de Marzo á lectura do manifesto do 3 de decembro en favor das persoas con diversidade funcional.

Grazas a todos/as por participar!