Martina González Veiga, Psicóloga Sanitaria e Sexóloga
Baixo o título “Rompendo barreiras cara unha sexualidade plena”, arrincará mañá a segunda parte da sesión de conferencias previstas para a I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola Asociación Íntegro. A encargada de poñer sobre a mesa estas cuestións, sobre as que aínda pesan moitos prexuízos, será unha das expertas mellor valoradas e máis cualificadas de Galicia. Con ela estivemos charlando sobre algunhas das dificultades e barreiras coas que se atopan as persoas con diversidade. Pero para coñecer cales son as claves para vivir unha sexualidade libre e positiva haberá que agardar ao xoves no Edificio das Escolas de A Trabe, en Ponteceso. Mentres tanto, aquí che deixamos algunhas das confesións que nos fixo en exclusiva.
- A sexualidade e a afectividade é unha necesidade e un dereito fundamental de todo ser humano pero en persoas con diversidade funcional segue a ser unha materia pendente ou un tema tabú, cal é o problema?
Un dos principais problemas é a concepción que temos das relacións sexuais, un modelo heterosexual moi reducionista que nos limita moito e lévanos a pensar que as persoas con diversidade funcional non teñen sexualidade, porque teñen dificultades para practicar sexo “ximnástico”. É un problema de base educacional. Faise cada vez máis imprescindible que haxa educación sexual nas escolas e tamén en formacións universitarias sanitarias.
- Como se cambia o chip?
Cun traballo de visibilidade e normalización como con esta xornada. O que non se ve non se coñece. Falando e debatendo, vanse rompendo a vergoña, os estereotipos e os medos. É fundamental abrir canles de comunicación entre usuarios/as, familias, profesionais que traballan con persoas con diversidade funcional e sexólogos/as. É importante que este cambio sexa en equipo, e tendo en conta fundamentalmente ás persoas con diversidade, pero tamén ás familias porque van a ser facilitadoras do cambio.
- Vivimos rodeados de estereotipos e prexuízos, de etiquetas?
Si, e en canto á sexualidade, a moreas. Seguen perpetuándose en películas, literatura, cine porno, publicidade, revistas, etc. E aínda que van saíndo cousas diferentes que os intentan romper e amosar outras realidades, segue sendo máis forte.
Fundamentalmente a educación, dende a ciencia que corresponde, a sexoloxía, que a miúdo se mal interpreta. E tamén dende a formación sexolóxica aos profesionais sanitarios. Tamén divulgación e difusión para todo o público xeral. O traballo máis importante, o máis crucial é coas actitudes e as crenzas.
- Xornadas coma a organizada por Íntegro son esa luz no camiño?
Son una luz moi importante, unha porta á esperanza, a que as cousas poden cambiar. Son a mostra de que hai moitos/as profesionais en Galicia, asociacións, e persoas implicadas, que están tecendo redes e que están mobilizando cambios moi importantes. Algo está pasando dun tempo para aquí en Galicia, algo importante en relación á sexoloxía e á sexualidade e espero que isto so poida ir a mellor.
- En cidades coma Barcelona existe a figura do asistente ou acompañante sexual, estamos preparados en Galicia?
Aínda é unha figura en construción. O pasado martes 8 de novembro VIgalicia organizou na Facultade de Ciencias da Educación da USC unha Xornada sobre Asistencia Sexual, na que se abordou o tema. Que isto estea pasando en Galicia, que se faga visible e se debata, xa é un cambio brutal en si mesmo, un feito moi relevante. Os cambios son lentos pero si traballamos en rede son posibles.
Martina González é , ademais de psicóloga sanitaria e sexóloga, fundadora e xerente do Centro de Sexología Con mucho gusto!, dedicado á terapia sexual e de parella. Vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. Colaboradora habitual de diversos medios de comunicación de ámbito local e nacional cun espazo semanal na Radio Galega e unha columna fixa na sección Sexualízate, da revista Universitaria Comunicampus. Directora das “V Xornadas Galegas de Saúde Sexual” e conferenciante en congresos e asembleas sobre diversidade e asistencia sexual.