post

“Os cambios son lentos pero si traballamos en rede son posibles”

Martina González Veiga, Psicóloga Sanitaria e Sexóloga

 Baixo o título “Rompendo barreiras cara unha sexualidade plena”, arrincará mañá a segunda parte da sesión de conferencias previstas para a I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola Asociación Íntegro. A encargada de poñer sobre a mesa estas cuestións, sobre as que aínda pesan moitos prexuízos, será unha das expertas mellor valoradas e máis cualificadas de Galicia. Con ela estivemos charlando sobre algunhas das dificultades e barreiras coas que se atopan as persoas con diversidade. Pero para coñecer cales son as claves para vivir unha sexualidade libre e positiva haberá que agardar ao xoves no Edificio das Escolas de A Trabe, en Ponteceso. Mentres tanto, aquí che deixamos algunhas das confesións que nos fixo en exclusiva.

 

Martina-Gonzalez-Veiga

  • A sexualidade e a afectividade é unha necesidade e un dereito fundamental de todo ser humano pero en persoas con diversidade funcional segue a ser unha materia pendente ou un tema tabú, cal é o problema?

Un dos principais problemas é a concepción que temos das relacións sexuais, un modelo heterosexual moi reducionista que nos limita moito e lévanos a pensar que as persoas con diversidade funcional non teñen sexualidade, porque teñen dificultades para practicar sexo “ximnástico”. É un problema de base educacional. Faise cada vez máis imprescindible que haxa educación sexual nas escolas e tamén en formacións universitarias sanitarias.

  • Como se cambia o chip?

Cun traballo de visibilidade e normalización como con esta xornada. O que non se ve non se coñece. Falando e debatendo, vanse rompendo a vergoña, os estereotipos e os medos. É fundamental abrir canles de comunicación entre usuarios/as, familias, profesionais que traballan con persoas con diversidade funcional e sexólogos/as. É importante que este cambio sexa en equipo, e tendo en conta fundamentalmente ás persoas con diversidade, pero tamén ás familias porque van a ser facilitadoras do cambio.

  • Vivimos rodeados de estereotipos e prexuízos, de etiquetas?

Si, e en canto á sexualidade, a moreas. Seguen perpetuándose en películas, literatura, cine porno, publicidade, revistas, etc. E aínda que van saíndo cousas diferentes que os intentan romper e amosar outras realidades, segue sendo máis forte.

  • Cal é a ferramenta para combatelos? Información? Educación?martina charla

Fundamentalmente a educación, dende a ciencia que corresponde, a sexoloxía, que a miúdo se mal interpreta. E tamén dende a formación sexolóxica aos profesionais sanitarios. Tamén divulgación e difusión para todo o público xeral. O traballo máis importante, o máis crucial é coas actitudes e as crenzas.

  • Xornadas coma a organizada por Íntegro son esa luz no camiño?

Son una luz moi importante, unha porta á esperanza, a que as cousas poden cambiar. Son a mostra de que hai moitos/as profesionais en Galicia, asociacións, e persoas implicadas, que están tecendo redes e que están mobilizando cambios moi importantes. Algo está pasando dun tempo para aquí en Galicia, algo importante en relación á sexoloxía e á sexualidade e espero que isto so poida ir a mellor.

  • En cidades coma Barcelona existe a figura do asistente ou acompañante sexual, estamos preparados en Galicia?

 Aínda é unha figura en construción. O pasado martes 8 de novembro VIgalicia organizou na Facultade de Ciencias da Educación da USC unha Xornada sobre Asistencia Sexual, na que se abordou o tema. Que isto estea pasando en Galicia, que se faga visible e se debata, xa é un cambio brutal en si mesmo, un feito moi relevante. Os cambios son lentos pero si traballamos en rede son posibles.

 vigalicia-xornada-asistencia-sexual-1

Martina González é , ademais de psicóloga sanitaria e sexóloga, fundadora e xerente do Centro de Sexología Con mucho gusto!, dedicado á terapia sexual e de parella. Vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. Colaboradora habitual de diversos medios de comunicación de ámbito local e nacional cun espazo semanal na Radio Galega e unha columna fixa na sección Sexualízate, da revista Universitaria Comunicampus. Directora das “V Xornadas Galegas de Saúde Sexual” e conferenciante en congresos e asembleas sobre diversidade e asistencia sexual. 

 cartel integro i xornada capacitate

post

Escolares de Camariñas e Ponte do Porto visitan Íntegro da man de CapacítaT

Esta semana non fixo máis ca empezar e xa está sendo do máis moi emotiva e inesquecible para tod@s os que formamos parte da Asociación Íntegro. As razóns sóbrannos! Celebramos a I Xornada Diversidade e Familia coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das persoas con diversidade, presentamos CapacítaT e achegamos a inclusión aos máis pequenos/as. E que mellor maneira de comezar que convidar a un grupo de escolares a coñecer e percorrer as nosas instalacións de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Así botou a andar, entre os máis cativ@s, o noso programa Capacíta-T, deseñado para formar, educar e capacitar a toda a poboación en materia de diversidade funcional.

Dende a Asociación Íntegro esta semana puxemos en marcha Visítanos!, unha acción educativa encamiñada a formar e sensibilizar aos máis pequen@s rompendo coas barreiras e os prexuízos existentes para unha normalización e inclusión plena da diversidade. A súa resposta non puido ser mellor! Involucrad@s dende o primeiro momento, amosáronse activ@s, interesad@s e moi participativ@s en todas as actividades realizadas.

IMG_5398Xogos, obradoiros e centos de curiosidades fóronse sucedendo ao longo da mañá pero, sen dúbida, a visita ao noso invernadoiro e a xincana de obstáculos foron as actividades que acapararon maior protagonismo espertando o interese e a atención de tod@s, incluíd@ máis de un adult@. Unha experiencia moi positiva para eles e moi enriquecedora para os nosos usuarios e usuarias que souberon exercer coma verdadeiros anfitri@ns acompañando aos ilustres visitantes e respondendo ás súas constantes preguntas!

IMG_20151130_130325

IMG_5406

IMG_5414

 

 

 

 

 

 

Aínda que esta vez tocoulle a quenda aos alumnos de educación primaria dos concellos de Camariñas e Ponte do Porto, o programa de visitas non fixo máis que comezar. En Íntegro deixamos as portasabertas aos seguintes participantes. Continuaremos apostando pola educación e a formación porque é a única forma de crear conciencia, de cambiar as discapacidades por capacidades e a integración por inclusión. Cremos nunha realidade máis diversa, e ti?

Lembra que tamén para os nen@s con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos haberá un espazo reservado na I Xornada Diversidade e Familia que celebramos mañá, xoves, no edificio das escolas de A Trabe, de 17 a 20h. Para máis información, aquí che deixamos o programa.

cartel integro i xornada capacitate

post

“Non considero a miña vida como unha historia de superación e fortaleza”

Ramón Pombo Castro, vicepresidente da Asociación Íntegro

A I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola Asociación Íntegro, tamén conta cun espazo dedicado ás vivencias persoais. Ramón Pombo Castro e David Pombo Rivera serán os encargados de poñer o broche de ouro á sesión de conferencias con dous relatos en primeira persoa. O primeiro deles é o vicepresidente da entidade e co-administrador de Asubiomedia. Técnico Superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, traballa como analista programador no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia. Durante 10 anos foi xogador de baloncesto en cadeira de rodas competindo a nivel nacional e internacional co seu club, o AMFIV. No 2011 foi nomeado Bergantiñán do Ano en recoñecemento ao seu traballo, esforzo e valía. Todo un referente, exemplo de adaptación e crecemento persoal co que estivemos conversando esta mañá.

IMG-20151127-WA0003

  • Xunto ao teu compañeiro e amigo David Pombo, protagonizarás o vindeiro xoves as charlas en primeira persoa, dúas historias de superación e de fortaleza, é difícil falar sobre un mesmo?

Si, cóstame falar sobre min porque non considero a miña vida como unha historia de superación e fortaleza. Polo menos, non moito máis que a de calquera outra persoa.

  •  Cales son as barreiras cotiás que máis doen?

Particularmente, as barreiras non me doen pero creo que hai que concienciar á sociedade de que debe respectar as normas. Eu non me sinto doído porque nos aparquen nunha praza de discapacitados ou nos atopemos cun chanzo grande nun acceso. É a comunidade quen ten que concienciarse de que iso non está ben.

  •  Cal é a túa válvula de escape?

Non creo que necesite unha válvula de escape para a miña discapacidade polo mesmo que acabo de comentar. Para min, a diversidade é algo natural que vai comigo a onde eu vou e véxoo como algo ao que me teño que adaptar. Gozar da vida, da miña familia e da xente que me rodea é o que me fai sentir mellor. 

  • Cres que a túa contorna está á altura das persoas con diversidade?

Claro que si. Nós formamos parte da sociedade e para ben ou para mal somos un reflexo de onde vivimos. Eu síntome ben e fanme sentir coma un cidadán máis.

  •  Que podemos facer cada un de nós por avanzar cara a inclusión?IMG_5361

Creo que a inclusión de calquera colectivo, non só o noso, conséguese cando forma parte da vida cotiá dun xeito normal e natural. Para iso ten que haber unha labor moi grande de implicación de todas as partes.


 cartel integro i xornada capacitate

post

“As familias coñecemos a realidade da diversidade de primeira man porque convivimos con ela”

María Luísa Fernández, nai dun mozo con autismo e autora de “La Mirada de Ángel” 

Aínda que poida parecer unha novela con alma de best seller, o certo é que se trata dunha obra real e autobiográfica na que se recompilan, a través dunha serie de cartas, experiencias, emocións e sentimentos dunha nai ao seu fillo autista. Esa é a súa historia, a da súa familia a do seu fillo, Ángel, un mozo con diversidade funcional. Ademais é membro da Asociación Aspanaes e unha voz sobradamente autorizada para falar sobre O papel da familia, título da charla que ofrecerá o vindeiro xoves na I Xornada Diversidade e Familia.

maria luisa fernandez

Sempre falamos das barreiras que han de superar as persoas con diversidade funcional pero cales son as dos seus familiares?

As barreiras mentais son as máis difíciles de superar. O medo e o prexuízo, tan limitadores, conducen á invisibilidade dos diferentes e, polo tanto, á exclusión social. Capacidade fronte a discapacidade.

  •  Deben poñer as familias a primeira pedra no camiño cara a inclusión? Cal é o poder da familia?

Naturalmente. As familias coñecemos a realidade da diversidade de primeira man porque convivimos con ela. Debemos asumir un papel activo na procura da inclusión. Temos o dereito e tamén o deber de concienciar e de reeducar á sociedade, informándoa e formándoa. As asociacións son un potente dinamizador cara a sensibilización.

  •  Que opinas deste tipo de iniciativas? Son necesarias para avanzar cara a inclusión?

Calquera iniciativa que persiga espertar e cambiar miradas. Todas son necesarias e imprescindibles, e todas teñen o meu apoio e respecto.

  •  Que agardas atopar nesta I Xornada Diversidade e Familia?

Espero e estou convencida de que, como toda iniciativa que promove a Asociación Íntegro, aportarame coñecemento e será unha oportunidade única de compartir experiencias e emocións. Unha nova ocasión de reafirmarme na importancia de crer nas persoas e nas súas capacidades. E, por suposto, serán unhas xornadas marcadas por la alegría e a esperanza.

  •  O que tamén poderán atopar os/as asistentes ao acto é o teu libro “La Mirada de Ángel”,  publicado IMG-20151127-WA0002recentemente. Como está a ser a acollida entre o público?

Unha experiencia preciosa e moi enriquecedora. Creo nas persoas e como as emoción son universais, ao mostrar as miñas sen filtros, devólvenme tamén emocións sinceras. Só recibo empatía, cariño e respecto e estou moi agradecida por elo.

  •  Trátase dunha obra autobiográfica, que é máis difícil, escribir ou contar a túa propia vida?

Son dous momentos vitais distintos. Mentres o escribía estaba vivindo os momentos máis intensos da miña vida, adaptándome a unha nova realidade. Contalo agora, coa distancia que dan os anos, é compartilo, e iso supón unha oportunidade de axudar a outras persoas que estean pasando pola mesma situación e demostrar que todos somos capaces, que as diferenzas enriquecen e que todos/as temos dereito a ser aceptados e respectados polo que somos, seres humanos.

cartel integro i xornada capacitate

post

“CapacitaT pretende cambiar o xeito en que a sociedade mira ás persoas con diversidade funcional”

Adolfo López Baña, presidente da Asociación Íntegro

Coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Asociación Íntegro pon en marcha CapacitaT, un proxecto deseñado para a capacitación da poboación en xeral a través de iniciativas de formación, sensibilización e educación co obxectivo de lograr a plena normalidade e a inclusión das persoas con diversidade. CapacitaT comezará a rodar este 3 de decembro en Ponteceso, pero o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destaca que ao longo do 2016 chegará a outros concellos da Costa da Morte con temas actuais e diferentes.

foto adolfo 2

  • Como xorde a I Xornada Diversidade e Familia?

CapacitaT xorde como obxectivo estratéxico de Íntegro, e da reflexión conxunta do novo equipo directivo e os traballadores para seguir avanzando na visibilidade e a inclusión.

  •  Que se pretende con esta iniciativa?

Esta iniciativa pretende provocar un cambio no xeito en que a sociedade mira ás persoas con diversidade funcional (discapacidade). Procedemos de miradas de mágoa, vennos como perceptores de beneficencia, persoas carentes de dereitos, invisibles. Por ilo temos que apostar forte por ser visibles en todas as contornas: educativa, laboral, formativa, familiar, social, etc. Con esa intención, o día 3 de decembro en Ponteceso amosaremos “Visións que cambien miradas”.

  •  Cal é a clave para avanzar cara a inclusión?

Posiblemente hai moitas, pero persoalmente considero que se necesita unha gran masa social que a demande e pase ao activismo, para que todos os proxectos políticos e sociais se constrúan aglutinando a todas as persoas sen etiquetar a ninguén. Será a única forma de deixar de ser cidadáns de segunda.

  •  Cando deixaremos de ter que romper barreiras?

Entendendo o termo como “barreiras arquitectónicas”. En ÍNTEGRO ese termo xa quedou atrás, xa só pensamos en promover a accesibilidade universal como a única  forma de ser visibles en todos os conceptos da vida.

  •  Que outras medidas se contemplan dende a asociación para reforzar esta mensaxe?

Dende a área C.M.A (Costa da Morte Accesible) que ÍNTEGRO puxo en marcha, contémplase a accesibilidade universal como a medida máis potente para a inclusión nos próximos anos. A accesibilidade universal será real, ou non será, pero consideramos que esta medida enriquecerá a toda a poboación.

  •  Na Costa da Morte vivimos de costas á realidade das persoas con diversidade funcional?

A sociedade en xeral vive de costas ás persoas con diversidade funcional ata que toca de cerca ou na familia, senón todas estas cuestións, e outras, sonlle alleas. Pero non cabe dúbida de que cada vez cóntase máis coas persoas con diversidade funcional.

  •  E no plano institucional avánzase cara a inclusión, están máis capaciTad@s?

Neste país sempre lexislaron sobre nós, moitas leis, moitos decretos, moitas normas, pero tamén moi conscientes de que non había unha gran masa social que demandase o seu cumprimento. Faltou activismo, agás agora na Lei de Dependencia, onde si se demandou  “algo máis”, o seu cumprimento.

cartel integro i xornada capacitate

post

Noelia Barreira e Begoña Rial abrirán as conferencias da I Xornada Diversidade e Familia

Noelia Barreira e Begoña Rial son a directora e psicóloga, respectivamente, da Asociación Íntegro e serán as encargadas de inaugurar a sesión de relatorios que se levará a cabo o vindeiro xoves na I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola entidade. As súas intervencións desenvolveranse baixo o título “Diversidade é vida”.

noeliaNoelia Barreira, Directora e Terapeuta da Asociación Íntegro

“A base está na normalización”

  • A I Xornada Diversidade e familia desenvolverase baixo o lema CapacítaT Avanzando cara a Inclusión, por que este título?

Consideramos oportuno que o programa de sensibilización, formación e educación do centro artéllese baixo o nome de  CAPACÍTAT porque é xustamente iso, un programa de capacitación da poboación en xeral, que forme, sensibilice e eduque coa intención de lograr a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade.

  •  A quen vai dirixido?

É unha xornada de portas abertas dirixida a toda a poboación en xeral aínda que debemos facer especial fincapé na participación de persoas con diversidade funcional e as súas familias. CAPACÍTAT Xornadas integrará ponencias para a poboación adulta e obradoiros de sensibilización para rapaces e rapazas entre 4 e 12 anos.

  •  Onde hai que sentar as bases para acadar unha inclusión plena e real?

A base está na normalización. Non son as persoas as que deben ser normalizadas ou igualadas á “ norma” senón que é a sociedade a que debe ser educada para vivir e aceptar a complexidade do heteroxéneo. Temos que ter a posibilidade de ser distintos e valorar e cultivar educacionalmente esas diferenzas.

  •  Queda moito camiño por andar?

O feito de que as persoas con diversidade funcional non poidan acceder aos mesmos servizos, establecementos ou actividades que o resto é un indicador de que aínda non está normalizada a diversidade, nin en Galicia nin en España. Isto evidencia que aínda queda moito camiño por percorrer e moitos prexuízos por derribar. Cando o acceso e o trato sexan igualitarios poderemos falar dunha verdadeira normalización.

  •  Que pasos estades a dar dende o centro que ti dirixes?

Íntegro está a levar a cabo o II Plan Estratéxico da entidade (2014- 2016) que conta con varias liñas de traballo, entre as que se atopa CapacitaT , que se desenvolverán ao longo do vindeiro ano con accións formativas, charlas nos colexios, xornadas de interese xeral, etc.

 

Begoña Rial, psicóloga da Asociación Íntegrobegoña

“Hai que inxerir cambios na educación e no modelo social”

  • Comentaba a túa compañeira Noelia Barreira que a diversidade aínda non está normalizada, é unha cuestión de mentalidade?

É unha cuestión de concienciación e de xerar outra sensibilidade nas persoas que non conviven con ningunha diversidade e nas que conviven con ela tamén. Sempre se viu coma un problema aparte ignorando que as persoas con capacidades diferentes formamos parte da mesma sociedade.  

  •  Por onde comezar?

A accesibilidade sería un bo comezo. Non só entendida coma unha cuestión arquitectónica, que tamén, senón referida a outros elementos menos visibles coma as barreiras sociais, laborais ou de comunicación, que tan ben coñecen as persoas funcionalmente diversas.

  •  A clave está na educación?

Si, claro. Hai que inxerir cambios na educación e no modelo social, eliminando as barreiras mentais que todas as persoas, con diversidade ou sen ela, temos, en maior ou menor medida. Refírome a estereotipos e crenzas distorsionadas, sempre negativas e moi arraigadas, que supoñen o atranco principal para alcanzar a normalidade e superar a discriminación. 

  •  Como se fai iso?

Un primeiro paso é detectar cales son esas crenzas, avalialas e non caer en xeneralizacións. Un exemplo de crenza distorsionada, moi arraigada, é pensar que todas as persoas con diversidade necesitan axuda ou que son menos felices. Pode ser que algunhas si pero pode que moitas outras non, en definitiva, como todos e todas.

  •  De aí a importancia de dirixir tamén estas xornadas aos máis pequenos/as?

Exactamente. O noso programa non tería sentido senón actuara directamente na educación de base, nos/as pequenos/as. Con estas xornadas pretendemos romper coas diferenzas e ensinarlles, mediante o xogo,  que no seu entorno conviven persoas con diferentes capacidades e todas moi enriquecedoras. Para iso é fundamental que as familias e a educación se unan a nosa visión. Hai que deixar de ver as diferenzas coma algo negativo ou de refuta.

 

cartel integro i xornada capacitate

post

Unha sexóloga e unha escritora entre os conferenciantes da I Xornada Diversidade e Familia de Íntegro

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das persoas con Discapacidade, o vindeiro 3 de decembro, a Asociación Íntegro celebrará a I Xornada Diversidade e Familia. Será no Edificio das Escolas de A Trabe, en Ponteceso, en horario de 17 a 20 h.

Aínda que haberá actividades para todas as idades o acto central do programa xirará entorno a unha rolda de charlas e relatorios protagonizados por diferentes expertos en diversidade funcional. As vivencias en primeira persoa tamén estarán presentes nunha xornada que pretende ser punto de encontro e diálogo entre profesionais, usuari@s, familiares e público en xeral baixo o lema CapacítaT Avanzando cara inclusión. Toda unha declaración de intención co fin de sensibilizar, educar e informar á sociedade das necesidades reais das persoas con diversidade e do papel determinante que xogan as súas familias.

A quenda de intervencións dará comezo despois da inauguración da xornada, que correrá  a cargo do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e o Alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido. A I Xornada Diversidade e familia contará con uns convidados de luxo tanto pola súa experiencia como pola súa vinculación co entidade.

noeliaNoelia Barreira, Directora e Terapeuta ocupacional do Centro de Recursos Íntegro

Begoña Rial, Psicólogbegoñaa da Asociación Íntegro

Ámbalas dúas abrirán a quenda de intervencións cunha breve exposición sobre Diversidade é vida. Presentación do Centro de Recursos Integro con proxección dun vídeo sobre os servizos e as actividades levadas a cabo.

María Luísa Fernández , autora de “La Mirada de Ángel”maria luisa fernandez

Nai de dous fillos, un deles (Ángel) con diversidade funcional (lesión cerebral e autismo)

Membro do padroado de ASPANAES e da Fundación Autismo Coruña centrará

a súa charla en O poder das familias para exaltar o papel que xogan os familiares das persoas con diversidade.

Tamén aproveitará para presentar o seu relato autobiográfico, un exemplo de vida co que amosa o valor e a dignidade das diferenzas.

Martina-Gonzalez-Veiga

Martina González Veiga, Psicóloga Sanitaria e Sexóloga, Fundadora do Centro de Sexoloxía Con mucho gusto! dedicado á terapia sexual e de parella, obradoiros, formación e educación sexual, divulgación e asesoramento. Vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.

Colaboradora habitual de diversos medios de comunicación de ámbito local e nacional como a Radio Galega e directora das V Xornadas Galegas de Saúde Sexual, celebradas en Santiago baixo o lema “Diversidade Sexual: Tantas Sexualidades como Persoas”.

Nesta ocasión, Martina falará sobre “Diversidade Funcional: Rompendo barreiras cara unha sexualidade plena” aportando algunhas das claves para facilitar a vivencia libre e positiva da sexualidade en persoas con diversidade respectando os seus dereitos.

Ramón Pombo Castro, ex-xogador do AMFIV e Bergantiñán do Ano 2011 e David Pombo Rivera, ambos integrantes da directiva de Íntegro, veciños de Ponteceso e administradores de Asubiomedia. Serán os encargados de poñer o broche de ouro cos seus relatos en primeira persoa. Todo uns exemplos de superación, adaptación e crecemento persoal que non deixarán indiferente a ninguén.

ramon-pombo

david-pombo

 

 

 

 

Os máis cativos serán os outros protagonistas do evento. Para eles haberá obradoiros,  contacontos e ata unha xincana que lles fará reflexionar sobre as barreiras e o modo de superalas ademais de posibilitar a conciliación a todos os asistentes á xornada. Entregaranse os agasallos aos escolares participantes no concurso O Noso Mundo e haberá unha exposición dos seus traballos. Ides perdérvolo! Nós, non. Alí vos agardamos!

post

Actividades para todas as idades na I Xornada Diversidade e Familia organizada por Íntegro

Baixo o lema Capacíta-T Avanzando cara a inclusión  a Asociación Íntegro celebrará o vindeiro 3 de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, a I Xornada Diversidade e Familia. Será unha xornada de sensibilización, aberta á participación cidadá, para dar a coñecer as necesidades reais das persoas con diversidade funcional, destacar o papel das familias e romper os estereotipos que a sitúan nun plano de nferioridade. Relatorios, charlas e tamén vivencias persoais serán parte do programa de actos que se desenvolverá no edificio das Escolas de A Trabe (Ponteceso) en horario de 17 a 20.

Pero esta iniciativa, que forma parte do programa Capacíta-T, non só está aberta á poboación adulta senón tamén aos máis cativos/as. Coñecedores de que o piar fundamental para romper barreiras mentais e propiciar a normalidade é a educación de base,  incluímos na xornada diferentes obradoiros, contacontos e xogos para, ademais de posibilitar a conciliación familiar dos asistentes, achegar aos nenos/as de infantil e primaria ós conceptos de diversidade e inclusión real. Ao remate procederase á entrega de premios do concurso “O noso mundo”, no que participaron escolares de diferentes centros de Ponteceso, e á exposición dos seus traballos.

Avanzando cara a inclusión é o lema desta iniciativa dirixida a persoas de todas as idades coa intención de educar e sensibilizar

IMG_5329

Esta mesma semana o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, mantivo unha reunión de traballo con algúns membros do equipo directivo e persoal da entidade para ultimar os preparativos dunha xornada que “pretende ser un punto de encontro e diálogo, non só de afectados/as e familiares, senón de toda a sociedade en xeral, porque a plena inclusión das persoas con diversidade é cousa de todos”, asegurou.

Dende Íntegro animamos a todas as persoas que o desexen a asistir e participar nesta iniciativa informativa e didáctica pero tamén lúdica, e coñecer, de primeira man, o resto de accións que integrarán o programa para o vindeiro ano.

Relatorios e vivencias persoais 

Logo do acto inaugural, a cargo do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña,  e do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, dará comezo a primeira parte da sesión de relatorios, na que intervirán Noelia Barreira e Begoña Rial, directora e psicóloga- respectivamente- do centro de recursos de Nantón, para falar sobre Diversidade é vida, e a autora de “La Mirada de Ángel”, Mª Luisa Fernández, nai e membro do padroado de ASPANAES, quen ademais de presentar o seu libro conversará sobre O poder das familias.

A segunda parte do acto contará cunha convidada de excepción, Martina González Veiga, psicóloga experta en sexoloxía e xerente do centro Con mucho gusto!, unha das voces máis autorizadas da nosa comunidade para abordar as necesidades afectivo-sexuais das persoas con diversidade funcional.

A rolda de conferencias rematará con dous relatos En primeira persoa, o de Ramón Pombo Castro (ex-xogador do AMFIV e Bergantiñán do Ano 2011) e o de David Pombo Rivera, ambos integrantes da directiva de Íntegro e administradores de Asubiomedia, dous exemplos de superación, adaptación e crecemento persoal.

Capacíta-T

IMG_5362

Este evento está enmarcado dentro do programa Capacíta-T, deseñado pola Asociación Íntegro para a capacitación da cidadanía a través da sensibilización, a educación e a formación para acadar a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade. A I Xornada Diversidade e Familia é  un paso máis para conseguilo. Contamos con tod@s vós!

Debido ao aforo limitado da sala sería convinte confirmar a asistencia ao acto chamando ao teléfono 981 734 985 ou ben anotándose no evento creado para tal fin na nosa páxina de Facebook.

IMG_5337