Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das persoas con Discapacidade, o vindeiro 3 de decembro, a Asociación Íntegro celebrará a I Xornada Diversidade e Familia. Será no Edificio das Escolas de A Trabe, en Ponteceso, en horario de 17 a 20 h.
Aínda que haberá actividades para todas as idades o acto central do programa xirará entorno a unha rolda de charlas e relatorios protagonizados por diferentes expertos en diversidade funcional. As vivencias en primeira persoa tamén estarán presentes nunha xornada que pretende ser punto de encontro e diálogo entre profesionais, usuari@s, familiares e público en xeral baixo o lema CapacítaT Avanzando cara inclusión. Toda unha declaración de intención co fin de sensibilizar, educar e informar á sociedade das necesidades reais das persoas con diversidade e do papel determinante que xogan as súas familias.
A quenda de intervencións dará comezo despois da inauguración da xornada, que correrá a cargo do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e o Alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido. A I Xornada Diversidade e familia contará con uns convidados de luxo tanto pola súa experiencia como pola súa vinculación co entidade.
Noelia Barreira, Directora e Terapeuta ocupacional do Centro de Recursos Íntegro
Begoña Rial, Psicóloga da Asociación Íntegro
Ámbalas dúas abrirán a quenda de intervencións cunha breve exposición sobre Diversidade é vida. Presentación do Centro de Recursos Integro con proxección dun vídeo sobre os servizos e as actividades levadas a cabo.
María Luísa Fernández , autora de “La Mirada de Ángel”
Nai de dous fillos, un deles (Ángel) con diversidade funcional (lesión cerebral e autismo)
Membro do padroado de ASPANAES e da Fundación Autismo Coruña centrará
a súa charla en O poder das familias para exaltar o papel que xogan os familiares das persoas con diversidade.
Tamén aproveitará para presentar o seu relato autobiográfico, un exemplo de vida co que amosa o valor e a dignidade das diferenzas.
Martina González Veiga, Psicóloga Sanitaria e Sexóloga, Fundadora do Centro de Sexoloxía Con mucho gusto! dedicado á terapia sexual e de parella, obradoiros, formación e educación sexual, divulgación e asesoramento. Vogal da Sociedade Galega de Sexoloxía e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.
Colaboradora habitual de diversos medios de comunicación de ámbito local e nacional como a Radio Galega e directora das V Xornadas Galegas de Saúde Sexual, celebradas en Santiago baixo o lema “Diversidade Sexual: Tantas Sexualidades como Persoas”.
Nesta ocasión, Martina falará sobre “Diversidade Funcional: Rompendo barreiras cara unha sexualidade plena” aportando algunhas das claves para facilitar a vivencia libre e positiva da sexualidade en persoas con diversidade respectando os seus dereitos.
Ramón Pombo Castro, ex-xogador do AMFIV e Bergantiñán do Ano 2011 e David Pombo Rivera, ambos integrantes da directiva de Íntegro, veciños de Ponteceso e administradores de Asubiomedia. Serán os encargados de poñer o broche de ouro cos seus relatos en primeira persoa. Todo uns exemplos de superación, adaptación e crecemento persoal que non deixarán indiferente a ninguén.
Os máis cativos serán os outros protagonistas do evento. Para eles haberá obradoiros, contacontos e ata unha xincana que lles fará reflexionar sobre as barreiras e o modo de superalas ademais de posibilitar a conciliación a todos os asistentes á xornada. Entregaranse os agasallos aos escolares participantes no concurso O Noso Mundo e haberá unha exposición dos seus traballos. Ides perdérvolo! Nós, non. Alí vos agardamos!