post

Estudantes do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño achéganse á diversidade con Visítanos

O pasado mércores 31 escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria gozaron dunha xornada de convivencia e sensibilización en Íntegro dentro do programa Capacíta-T 

Esta semana a asociación Íntegro volveu a abrir as súas portas a escolares da Costa da Morte para acoller a celebración dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa integrada no programa Capacíta-T dirixida a concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión.

Tras a recente visita dos/as estudantes do CPI de Zas, o mércores tocoulle a quenda aos alumnos e alumnas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, en Malpica.  E a

experiencia, novamente, resultou ser un éxito! Ademais de gozar dunha xornada de convivencia, xogos e diversión xunto aos nosos usuarios e usuarias, tamén houbo tempo para a aprendizaxe achegándose ao día a día das persoas con diversidade funcional e descubrindo algunhas das súas múltiples habilidades.

 

A visita deu comezo arredor das 10:30h cunha breve charla explicativa sobre o funcionamento do centro e os diferentes servizos que nel se prestan. E quen mellor para contalo que os seus propios destinatarios/as, auténticos protagonistas dunha iniciativa encamiñada á sensibilización e á interacción dos estudantes.

Nesta ocasión, 31 nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria foron distribuídos en varios grupos para realizar o percorrido polas instalacións e participar nos diferentes obradoiros. Exercitación mental, logopedia e ximnasia foron as actividades que arrincaron os primeiros sorrisos e xestos de admiración entre os cativos/as que non dubidaron en subirse a unha cadeira de rodas para poñer a proba a súa destreza coa mobilidade reducida. Os talleres de artes manuais e cociña lograron espertar a faceta máis artística e creativa dos participantes, dando renda solta á imaxinación para elaborar receitas orixinais ou novidosos artigos de cara ao Nadal. Sen dúbida, a confección de pulseiras e a colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora acapararon o interese de alumnos/as e mestres/as.

Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas nel. Ogallá sexan tan positivas e gratificantes como as nosas.

 

post

Actividades para todas as idades na I Xornada Diversidade e Familia organizada por Íntegro

Baixo o lema Capacíta-T Avanzando cara a inclusión  a Asociación Íntegro celebrará o vindeiro 3 de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, a I Xornada Diversidade e Familia. Será unha xornada de sensibilización, aberta á participación cidadá, para dar a coñecer as necesidades reais das persoas con diversidade funcional, destacar o papel das familias e romper os estereotipos que a sitúan nun plano de nferioridade. Relatorios, charlas e tamén vivencias persoais serán parte do programa de actos que se desenvolverá no edificio das Escolas de A Trabe (Ponteceso) en horario de 17 a 20.

Pero esta iniciativa, que forma parte do programa Capacíta-T, non só está aberta á poboación adulta senón tamén aos máis cativos/as. Coñecedores de que o piar fundamental para romper barreiras mentais e propiciar a normalidade é a educación de base,  incluímos na xornada diferentes obradoiros, contacontos e xogos para, ademais de posibilitar a conciliación familiar dos asistentes, achegar aos nenos/as de infantil e primaria ós conceptos de diversidade e inclusión real. Ao remate procederase á entrega de premios do concurso “O noso mundo”, no que participaron escolares de diferentes centros de Ponteceso, e á exposición dos seus traballos.

Avanzando cara a inclusión é o lema desta iniciativa dirixida a persoas de todas as idades coa intención de educar e sensibilizar

IMG_5329

Esta mesma semana o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, mantivo unha reunión de traballo con algúns membros do equipo directivo e persoal da entidade para ultimar os preparativos dunha xornada que “pretende ser un punto de encontro e diálogo, non só de afectados/as e familiares, senón de toda a sociedade en xeral, porque a plena inclusión das persoas con diversidade é cousa de todos”, asegurou.

Dende Íntegro animamos a todas as persoas que o desexen a asistir e participar nesta iniciativa informativa e didáctica pero tamén lúdica, e coñecer, de primeira man, o resto de accións que integrarán o programa para o vindeiro ano.

Relatorios e vivencias persoais 

Logo do acto inaugural, a cargo do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña,  e do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, dará comezo a primeira parte da sesión de relatorios, na que intervirán Noelia Barreira e Begoña Rial, directora e psicóloga- respectivamente- do centro de recursos de Nantón, para falar sobre Diversidade é vida, e a autora de “La Mirada de Ángel”, Mª Luisa Fernández, nai e membro do padroado de ASPANAES, quen ademais de presentar o seu libro conversará sobre O poder das familias.

A segunda parte do acto contará cunha convidada de excepción, Martina González Veiga, psicóloga experta en sexoloxía e xerente do centro Con mucho gusto!, unha das voces máis autorizadas da nosa comunidade para abordar as necesidades afectivo-sexuais das persoas con diversidade funcional.

A rolda de conferencias rematará con dous relatos En primeira persoa, o de Ramón Pombo Castro (ex-xogador do AMFIV e Bergantiñán do Ano 2011) e o de David Pombo Rivera, ambos integrantes da directiva de Íntegro e administradores de Asubiomedia, dous exemplos de superación, adaptación e crecemento persoal.

Capacíta-T

IMG_5362

Este evento está enmarcado dentro do programa Capacíta-T, deseñado pola Asociación Íntegro para a capacitación da cidadanía a través da sensibilización, a educación e a formación para acadar a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade. A I Xornada Diversidade e Familia é  un paso máis para conseguilo. Contamos con tod@s vós!

Debido ao aforo limitado da sala sería convinte confirmar a asistencia ao acto chamando ao teléfono 981 734 985 ou ben anotándose no evento creado para tal fin na nosa páxina de Facebook.

IMG_5337

post

A Asociación Íntegro celebrará a I Xornada Diversidade e Familia coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade

A Asociación Íntegro celebrará o 3 de decembro a I Xornada Diversidade e Familia coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Esta iniciativa, organizada en colaboración co Concello de Ponteceso, forma parte do programa Capacíta-T que está destinado a formar e orientar a persoas vencelladas, directa ou indirectamente, coa diversidade funcional.

O acto central da xornada consistirá no desenvolvemento, a cargo de diversos profesionais, dunha serie de relatorios nos que se abordarán cuestións coma a diversidade, a familia, a sexualidade e experiencias persoais.

A xornada, que terá lugar no edificio das Escolas da Trabe (Ponteceso) de 17 a 20 horas, tamén fomentará a conciliación. Nese sentido están previstas unha serie de actividades lúdicas que achegarán aos máis pequenos o concepto da diversidade a través do xogo. E para rematar procederase á entrega de premios e á exposición dos traballos do concurso “O noso mundo”, no que participaron alumnos de infantil e primaria dos colexios de Ponteceso.

Se queres máis información podes consultar o programa completo no cartel anexo.

cartel integro i xornada capacitate