post

Estudantes do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño achéganse á diversidade con Visítanos

O pasado mércores 31 escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria gozaron dunha xornada de convivencia e sensibilización en Íntegro dentro do programa Capacíta-T 

Esta semana a asociación Íntegro volveu a abrir as súas portas a escolares da Costa da Morte para acoller a celebración dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa integrada no programa Capacíta-T dirixida a concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión.

Tras a recente visita dos/as estudantes do CPI de Zas, o mércores tocoulle a quenda aos alumnos e alumnas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, en Malpica.  E a

experiencia, novamente, resultou ser un éxito! Ademais de gozar dunha xornada de convivencia, xogos e diversión xunto aos nosos usuarios e usuarias, tamén houbo tempo para a aprendizaxe achegándose ao día a día das persoas con diversidade funcional e descubrindo algunhas das súas múltiples habilidades.

 

A visita deu comezo arredor das 10:30h cunha breve charla explicativa sobre o funcionamento do centro e os diferentes servizos que nel se prestan. E quen mellor para contalo que os seus propios destinatarios/as, auténticos protagonistas dunha iniciativa encamiñada á sensibilización e á interacción dos estudantes.

Nesta ocasión, 31 nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria foron distribuídos en varios grupos para realizar o percorrido polas instalacións e participar nos diferentes obradoiros. Exercitación mental, logopedia e ximnasia foron as actividades que arrincaron os primeiros sorrisos e xestos de admiración entre os cativos/as que non dubidaron en subirse a unha cadeira de rodas para poñer a proba a súa destreza coa mobilidade reducida. Os talleres de artes manuais e cociña lograron espertar a faceta máis artística e creativa dos participantes, dando renda solta á imaxinación para elaborar receitas orixinais ou novidosos artigos de cara ao Nadal. Sen dúbida, a confección de pulseiras e a colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora acapararon o interese de alumnos/as e mestres/as.

Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas nel. Ogallá sexan tan positivas e gratificantes como as nosas.

 

post

Un grupo de escolares de Vimianzo protagonizará mañá unha nova edición de Visítanos!

Esta semana o programa Capacíta-T volve a ser noticia en Íntegro grazas á realización dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa dirixida aos máis pequenos coa intención de concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade funcional e que xa contou o ano pasado cunha primeira edición na que participaron colexios de Camariñas e Ponte do Porto. Nesta ocasión, os nosos convidados serán 54 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo, de Vimianzo, que mañá visitarán o centro de Nantón para coñecer en primeira persoa as nosas instalacións e algunhas das actividades diarias que realizamos.

A visita, que está prevista para as 10:30 h, dará comezo cunha breve presentación da nosa entidade para dar a coñecer os obxectivos e os valores que nos caracterizan. Dende o primeiro momento, tentaremos promover a súa participación, de xeito activo e dinámico, para que poidan achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas. Finalmente, proxectarase un vídeo sobre as principais actividades que leva a cabo a asociación.

Obradoiros

IMG_20151130_130325

A visita ao invernadoiro é unha das actividades que xera maior expectación entre os escolares

A continuación, daremos paso ao momento máis agardado por todos/as: os obradoiros e os xogos diversos. Divididos en tres grupos visitarán, acompañados polos nosos usuarios/as, os diferentes obradoiros do centro ocupacional. No invernadoiro e no xardín terapéutico poderán traballar con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición. O taller de artes manuais será outro dos lugares a visitar, con parada incluída, para realizar algúns obxectos de artesanía seguindo as diferentes técnicas que diariamente empregan os alumnos/as do centro, que mañá converteranse en auténticos/as anfitrións/as.

IMG_5402

O circuíto de mobilidade pon a proba as habilidades dos participantes para sortear todo tipo de obstáculos

E para o final, o mellor! Achegarémonos á realidade da diversidade xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con diversidade funcional. Esta actividade consiste na realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas por equipos. Unha proba, sen dúbida, moi entretida e novidosa na que deberán poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. Unha boa maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.

IMG_20151130_122750

IMG_5406