Esta semana o programa Capacíta-T volve a ser noticia en Íntegro grazas á realización dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa dirixida aos máis pequenos coa intención de concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade funcional e que xa contou o ano pasado cunha primeira edición na que participaron colexios de Camariñas e Ponte do Porto. Nesta ocasión, os nosos convidados serán 54 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo, de Vimianzo, que mañá visitarán o centro de Nantón para coñecer en primeira persoa as nosas instalacións e algunhas das actividades diarias que realizamos.
A visita, que está prevista para as 10:30 h, dará comezo cunha breve presentación da nosa entidade para dar a coñecer os obxectivos e os valores que nos caracterizan. Dende o primeiro momento, tentaremos promover a súa participación, de xeito activo e dinámico, para que poidan achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas. Finalmente, proxectarase un vídeo sobre as principais actividades que leva a cabo a asociación.
Obradoiros
A continuación, daremos paso ao momento máis agardado por todos/as: os obradoiros e os xogos diversos. Divididos en tres grupos visitarán, acompañados polos nosos usuarios/as, os diferentes obradoiros do centro ocupacional. No invernadoiro e no xardín terapéutico poderán traballar con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición. O taller de artes manuais será outro dos lugares a visitar, con parada incluída, para realizar algúns obxectos de artesanía seguindo as diferentes técnicas que diariamente empregan os alumnos/as do centro, que mañá converteranse en auténticos/as anfitrións/as.
E para o final, o mellor! Achegarémonos á realidade da diversidade xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con diversidade funcional. Esta actividade consiste na realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas por equipos. Unha proba, sen dúbida, moi entretida e novidosa na que deberán poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. Unha boa maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.