post

Íntegro celebrará o vindeiro 6 de maio a IV Xornada da Inclusión en “Baio ten a pelota”

En Íntegro xa estamos a traballar na IV Xornada da Inclusión, que terá lugar o vindeiro 6 de maio na localidade de Baio (Zas), coincidindo coa celebración de “Baio ten a pelota”, un evento comercial organizado pola Asociación de Empresarios do municipio, que xa vai a pola súa segunda edición logo do gran éxito acadado o ano pasado.

Baixo o lema “Nós tamén temos a pelota” poremos en marcha un amplo programa de actividades deseñado para dar visibilidade e reivindicar unha sociedade inclusiva, igualitaria e xusta para toda a cidadanía e, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ao longo do día levaranse a cabo diferentes actos entre os que destacan un encontro con entidades sociais e a Marcha Diversa pola Rúa, que rematará coa lectura dun manifesto en favor dos dereitos e a inclusión social. Tamén haberá tempo para o ocio coa celebración dun Tapeo e Xantar Inclusivo e actividades de lecer ao aire libre para todas as idades.

globos

Solta de globos durante a III Xornada da Inclusión celebrada o ano pasado en Malpica de Bergantiños

Se formas parte dunha entidade social e/ou se estás interesado/a en participar nesta actividade, non tes máis que poñerte en contacto con nós chamando ao 981/734 985, de luns a venres en horario de 9 a 17h, e enviarémosche o programa e a ficha de inscrición. Vén a Baio o vindeiro día 6 e ti tamén terás a pelota! A inclusión depende de ti porque “o único no que todos somos = é en que somos #”.

 

Dende Íntegro tamén queremos dar as grazas a todas as institucións, asociacións e organismos colaboradores, especialmente á Asociación de Empresarios Comarca de Soneira e ao Concello de Zas por permitirnos compartir con eles un día e un evento tan importante para a localidade.