post

Íntegro participará en Cee na 2ª Xornada sobre Inclusión Social e Educativa

Con esta iniciativa preténdese dar a coñecer as accións formativas e educativas que se levan a cabo nas diferentes entidades sociais 

A asociación Íntegro participará o vindeiro venres, 3 de febreiro, na 2ª Xornada de Inclusión Social e Educativa que organiza o Concello de Cee, a través da concellería de Presidencia, Benestar Social, Igualdade e Emprego, para dar a coñecer as diferentes accións formativas e educativas que se desenvolven na actualidade na nosa comunidade en favor das persoas con diversidade funcional.

A iniciativa, que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura en horario de 10 a 14h, consistirá na realización de varias charlas informativas protagonizadas por profesionais e usuarios/as das diversas entidades sociais convidadas ao acto. Ao remate, procederase á inauguración dunha exposición temática cos algúns dos produtos e traballos elaborados polos participantes. A mostra permanecerá aberta ese día, de 16:30 a 19:30h, e do 6 ao 10 de febreiro no mesmo horario.

img_5082A media mañá chegará a quenda da nosa entidade coa proxección dun vídeo explicativo sobre o funcionamento do Centro de Día e do Centro Ocupacional. A continuación, a psicóloga do centro, Begoña Rial, intervirá para falar sobre “a sensibilización como ferramenta permanente da educación” tomando como referencia o noso programa de concienciación social Capacíta-T e, concretamente, a importante labor de sensibilización levada a cabo en numerosos centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte grazas á campaña de prevención de lesións medulares, que este ano verase tamén ampliada a outros colectivos sociais para evitar prácticas de risco en ámbitos tan cotiáns como o fogar, o campo, etc…IMG-20160704-WA0020

Ademais, a técnica de Íntegro abordará a necesidade de desenvolver novas liñas ocupacionais que contribúan a mellorar a formación e a empregabilidade das persoas con diversidade como acontece no noso centro de Nantón coa posta en marcha de diferentes obradoiros temáticos entre os que destacan o de Artes Manuais, no que se elaboran artigos artesanais para a súa comercialización; Exteriores, coa creación e mantemento de invernadoiros e zonas verdes de onde se obteñen produtos para consumo dos propios usuarios/a
s ou a colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora, lanzada ao mercado o pasado mes de maio.

Como unha imaxe vale máis que mil palabras, Íntegro tamén estará presente na exposición, que se inaugurará a última hora da mañá, cunha selección dos principais produtos e artigos elaborados artesanalmente polos alumnos/as dos diferentes obradoiros ocupacionais.

Se estás interesado/a en asistir, inscríbete e reserva a túa praza. Aquí che deixamos toda a información sobre a xornada! Vémonos en Cee!

Xornadas_febreiro_2017_cartel

 

 

 

post

Íntegro celebrará o vindeiro 6 de maio a IV Xornada da Inclusión en “Baio ten a pelota”

En Íntegro xa estamos a traballar na IV Xornada da Inclusión, que terá lugar o vindeiro 6 de maio na localidade de Baio (Zas), coincidindo coa celebración de “Baio ten a pelota”, un evento comercial organizado pola Asociación de Empresarios do municipio, que xa vai a pola súa segunda edición logo do gran éxito acadado o ano pasado.

Baixo o lema “Nós tamén temos a pelota” poremos en marcha un amplo programa de actividades deseñado para dar visibilidade e reivindicar unha sociedade inclusiva, igualitaria e xusta para toda a cidadanía e, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ao longo do día levaranse a cabo diferentes actos entre os que destacan un encontro con entidades sociais e a Marcha Diversa pola Rúa, que rematará coa lectura dun manifesto en favor dos dereitos e a inclusión social. Tamén haberá tempo para o ocio coa celebración dun Tapeo e Xantar Inclusivo e actividades de lecer ao aire libre para todas as idades.

globos

Solta de globos durante a III Xornada da Inclusión celebrada o ano pasado en Malpica de Bergantiños

Se formas parte dunha entidade social e/ou se estás interesado/a en participar nesta actividade, non tes máis que poñerte en contacto con nós chamando ao 981/734 985, de luns a venres en horario de 9 a 17h, e enviarémosche o programa e a ficha de inscrición. Vén a Baio o vindeiro día 6 e ti tamén terás a pelota! A inclusión depende de ti porque “o único no que todos somos = é en que somos #”.

 

Dende Íntegro tamén queremos dar as grazas a todas as institucións, asociacións e organismos colaboradores, especialmente á Asociación de Empresarios Comarca de Soneira e ao Concello de Zas por permitirnos compartir con eles un día e un evento tan importante para a localidade.