Baixo o lema Capacíta-T Avanzando cara a inclusión a Asociación Íntegro celebrará o vindeiro 3 de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, a I Xornada Diversidade e Familia. Será unha xornada de sensibilización, aberta á participación cidadá, para dar a coñecer as necesidades reais das persoas con diversidade funcional, destacar o papel das familias e romper os estereotipos que a sitúan nun plano de nferioridade. Relatorios, charlas e tamén vivencias persoais serán parte do programa de actos que se desenvolverá no edificio das Escolas de A Trabe (Ponteceso) en horario de 17 a 20.
Pero esta iniciativa, que forma parte do programa Capacíta-T, non só está aberta á poboación adulta senón tamén aos máis cativos/as. Coñecedores de que o piar fundamental para romper barreiras mentais e propiciar a normalidade é a educación de base, incluímos na xornada diferentes obradoiros, contacontos e xogos para, ademais de posibilitar a conciliación familiar dos asistentes, achegar aos nenos/as de infantil e primaria ós conceptos de diversidade e inclusión real. Ao remate procederase á entrega de premios do concurso “O noso mundo”, no que participaron escolares de diferentes centros de Ponteceso, e á exposición dos seus traballos.
Avanzando cara a inclusión é o lema desta iniciativa dirixida a persoas de todas as idades coa intención de educar e sensibilizar

Esta mesma semana o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, mantivo unha reunión de traballo con algúns membros do equipo directivo e persoal da entidade para ultimar os preparativos dunha xornada que “pretende ser un punto de encontro e diálogo, non só de afectados/as e familiares, senón de toda a sociedade en xeral, porque a plena inclusión das persoas con diversidade é cousa de todos”, asegurou.
Dende Íntegro animamos a todas as persoas que o desexen a asistir e participar nesta iniciativa informativa e didáctica pero tamén lúdica, e coñecer, de primeira man, o resto de accións que integrarán o programa para o vindeiro ano.
Relatorios e vivencias persoais
Logo do acto inaugural, a cargo do presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, dará comezo a primeira parte da sesión de relatorios, na que intervirán Noelia Barreira e Begoña Rial, directora e psicóloga- respectivamente- do centro de recursos de Nantón, para falar sobre Diversidade é vida, e a autora de “La Mirada de Ángel”, Mª Luisa Fernández, nai e membro do padroado de ASPANAES, quen ademais de presentar o seu libro conversará sobre O poder das familias.
A segunda parte do acto contará cunha convidada de excepción, Martina González Veiga, psicóloga experta en sexoloxía e xerente do centro Con mucho gusto!, unha das voces máis autorizadas da nosa comunidade para abordar as necesidades afectivo-sexuais das persoas con diversidade funcional.
A rolda de conferencias rematará con dous relatos En primeira persoa, o de Ramón Pombo Castro (ex-xogador do AMFIV e Bergantiñán do Ano 2011) e o de David Pombo Rivera, ambos integrantes da directiva de Íntegro e administradores de Asubiomedia, dous exemplos de superación, adaptación e crecemento persoal.
Capacíta-T

Este evento está enmarcado dentro do programa Capacíta-T, deseñado pola Asociación Íntegro para a capacitación da cidadanía a través da sensibilización, a educación e a formación para acadar a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade. A I Xornada Diversidade e Familia é un paso máis para conseguilo. Contamos con tod@s vós!
Debido ao aforo limitado da sala sería convinte confirmar a asistencia ao acto chamando ao teléfono 981 734 985 ou ben anotándose no evento creado para tal fin na nosa páxina de Facebook.
