post

Mención Honorífica para Íntegro polo seu labor de promoción do voluntariado

  • Foi durante o transcurso do XX Congreso Estatal de Voluntariado celebrado o pasado xoves en Expourense
  • Esta mesma semana, a Fundación Mapfre tamén seleccionou á entidade como unha das dez beneficiarias da I Convocatoria de Axudas a Proxectos Sociais de ámbito nacional

Esta semana a asociación Íntegro está de parabéns e por partida dobre. E o motivo non podía ser máis gratificante e honroso para todos/as os/as que formamos parte desta gran familia: o fomento e a promoción do voluntariado. O pasado xoves 29, a nosa entidade foi distinguida cunha Mención Honorífica concedida ás entidades de acción voluntaria de Galicia.

 

A directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, e a educadora social, Tania Bartucca, foron as encargadas de recoller o galardón xunto aos compañeiros/as doutras entidades sociais que están a traballar no desenvolvemento e promoción de accións encamiñadas a fomentar o voluntariado. A entrega de premios tivo lugar no recinto feiral de Expourense, no seo do XX Congreso Estatal de Voluntariado celebrado os días 28 e 29 deste mes baixo o lema Enlazateaovoluntariado.

 

Fundación Mapfre

Pero esta non foi a única boa nova que nos deixou a semana. A Fundación Mapfre vén de facer pública a relación de entidades premiadas na I Convocatoria de Axudas a Proxectos Sociais, posta en marcha a través do seu programa #Sésolidario. Entre os máis de 100 proxectos presentados a nivel nacional en materia de nutrición, saúde, educación, emprego e inclusión social, a nosa entidade figura como unhas das dez asociacións galardoadas, sendo a única ademais de Galicia. Pero este recoñecemento ten un valor engadido xa que todas as propostas foron presentadas polos propios voluntarios da Fundación. Un feito que nos enche, máis se cabe, de orgullo e satisfacción.  

Esta iniciativa, pioneira en España, está dirixida ás asociacións que desenvolven o seu labor en favor dos colectivos máis desfavorecidos e, no noso caso, centrado especialmente na inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte a través do noso Centro de Recursos, de Día e Ocupacional. O importe total das axudas concedidas nesta primeira convocatoria ascende a 90.000 €, que serán distribuídos entre todos/as os/as beneficiarios para contribuír así a un mellor desenvolvemento dos seus obxectivos, tarefa na que tamén participarán activamente os propios voluntarios da Fundación Mapfre. Unha colaboración económica e humana que, sen dúbida, nos permitirá seguir traballando para acadar unha sociedade máis xusta, digna, solidaria e igualitaria. Grazas!