post

Medio centenar de estudantes do IES Ramón Caamaño de Muxía participaron nunha charla sobre lesións medulares

O presidente da entidade, Adolfo López Baña, e a educadora social Tania Bartucca foron os encargados de dirixir a xornada de sensibilización que rematou cun circuíto de obstáculos

A campaña de prevención de lesións medulares promovida pola asociación Íntegro continúa viaxando polos centros de ensino da Costa da Morte para concienciar á mocidade sobre a importancia de evitar prácticas de risco que poidan derivar en danos irreparables. O pasado mércores 27 fixo parada no IES Ramón Caamaño de Muxía cunha xornada de sensibilización na que participaron medio centenar de alumnos/as de 3º e 4º da ESO.

Ademais da proxección do vídeo da campaña “A ti tamén che pode pasar”, no que interveñen tanto profesionais sanitarios como doentes, a educadora social do Centro de Recursos de Nantón, Tania Bartucca, ofreceu unha charla informativa sobre as principais causas e consecuencias dos accidentes medulares así como das medidas a ter en conta para evitalos. Segundo as estatísticas, os mergullos en praias e piscinas e as imprudencias ao volante son os causantes da maioría de sinistros entre a mocidade, “polo que é moi importante que tomedes conciencia de que un segundo pode cambiar toda unha vida”, recalcou o presidente da entidade Adolfo López Baña, que tamén estivo presente en dita xornada,  para insistir o alumnado sobre a importancia da prevención.

A continuación, o alumnado de secundaria tivo a oportunidade de poñerse na pel dunha persoa con mobilidade reducida a través da realización dun circuíto de obstáculos, que se levou a cabo nas propias instalacións do centro educativo. Aínda que os e as estudantes amosaron gran habilidade e destreza sobre a cadeira de rodas, de seguido comprenderon a dificultade de sortear diariamente obstáculos e barreiras derivadas da falta de accesibilidade.