Noelia Barreira e Begoña Rial son a directora e psicóloga, respectivamente, da Asociación Íntegro e serán as encargadas de inaugurar a sesión de relatorios que se levará a cabo o vindeiro xoves na I Xornada Diversidade e Familia, organizada pola entidade. As súas intervencións desenvolveranse baixo o título “Diversidade é vida”.
Noelia Barreira, Directora e Terapeuta da Asociación Íntegro
“A base está na normalización”
- A I Xornada Diversidade e familia desenvolverase baixo o lema CapacítaT Avanzando cara a Inclusión, por que este título?
Consideramos oportuno que o programa de sensibilización, formación e educación do centro artéllese baixo o nome de CAPACÍTAT porque é xustamente iso, un programa de capacitación da poboación en xeral, que forme, sensibilice e eduque coa intención de lograr a plena normalidade e inclusión das persoas con diversidade.
- A quen vai dirixido?
É unha xornada de portas abertas dirixida a toda a poboación en xeral aínda que debemos facer especial fincapé na participación de persoas con diversidade funcional e as súas familias. CAPACÍTAT Xornadas integrará ponencias para a poboación adulta e obradoiros de sensibilización para rapaces e rapazas entre 4 e 12 anos.
- Onde hai que sentar as bases para acadar unha inclusión plena e real?
A base está na normalización. Non son as persoas as que deben ser normalizadas ou igualadas á “ norma” senón que é a sociedade a que debe ser educada para vivir e aceptar a complexidade do heteroxéneo. Temos que ter a posibilidade de ser distintos e valorar e cultivar educacionalmente esas diferenzas.
- Queda moito camiño por andar?
O feito de que as persoas con diversidade funcional non poidan acceder aos mesmos servizos, establecementos ou actividades que o resto é un indicador de que aínda non está normalizada a diversidade, nin en Galicia nin en España. Isto evidencia que aínda queda moito camiño por percorrer e moitos prexuízos por derribar. Cando o acceso e o trato sexan igualitarios poderemos falar dunha verdadeira normalización.
- Que pasos estades a dar dende o centro que ti dirixes?
Íntegro está a levar a cabo o II Plan Estratéxico da entidade (2014- 2016) que conta con varias liñas de traballo, entre as que se atopa CapacitaT , que se desenvolverán ao longo do vindeiro ano con accións formativas, charlas nos colexios, xornadas de interese xeral, etc.
Begoña Rial, psicóloga da Asociación Íntegro
“Hai que inxerir cambios na educación e no modelo social”
- Comentaba a túa compañeira Noelia Barreira que a diversidade aínda non está normalizada, é unha cuestión de mentalidade?
É unha cuestión de concienciación e de xerar outra sensibilidade nas persoas que non conviven con ningunha diversidade e nas que conviven con ela tamén. Sempre se viu coma un problema aparte ignorando que as persoas con capacidades diferentes formamos parte da mesma sociedade.
- Por onde comezar?
A accesibilidade sería un bo comezo. Non só entendida coma unha cuestión arquitectónica, que tamén, senón referida a outros elementos menos visibles coma as barreiras sociais, laborais ou de comunicación, que tan ben coñecen as persoas funcionalmente diversas.
- A clave está na educación?
Si, claro. Hai que inxerir cambios na educación e no modelo social, eliminando as barreiras mentais que todas as persoas, con diversidade ou sen ela, temos, en maior ou menor medida. Refírome a estereotipos e crenzas distorsionadas, sempre negativas e moi arraigadas, que supoñen o atranco principal para alcanzar a normalidade e superar a discriminación.
- Como se fai iso?
Un primeiro paso é detectar cales son esas crenzas, avalialas e non caer en xeneralizacións. Un exemplo de crenza distorsionada, moi arraigada, é pensar que todas as persoas con diversidade necesitan axuda ou que son menos felices. Pode ser que algunhas si pero pode que moitas outras non, en definitiva, como todos e todas.
- De aí a importancia de dirixir tamén estas xornadas aos máis pequenos/as?
Exactamente. O noso programa non tería sentido senón actuara directamente na educación de base, nos/as pequenos/as. Con estas xornadas pretendemos romper coas diferenzas e ensinarlles, mediante o xogo, que no seu entorno conviven persoas con diferentes capacidades e todas moi enriquecedoras. Para iso é fundamental que as familias e a educación se unan a nosa visión. Hai que deixar de ver as diferenzas coma algo negativo ou de refuta.