post

“As familias coñecemos a realidade da diversidade de primeira man porque convivimos con ela”

María Luísa Fernández, nai dun mozo con autismo e autora de “La Mirada de Ángel” 

Aínda que poida parecer unha novela con alma de best seller, o certo é que se trata dunha obra real e autobiográfica na que se recompilan, a través dunha serie de cartas, experiencias, emocións e sentimentos dunha nai ao seu fillo autista. Esa é a súa historia, a da súa familia a do seu fillo, Ángel, un mozo con diversidade funcional. Ademais é membro da Asociación Aspanaes e unha voz sobradamente autorizada para falar sobre O papel da familia, título da charla que ofrecerá o vindeiro xoves na I Xornada Diversidade e Familia.

maria luisa fernandez

Sempre falamos das barreiras que han de superar as persoas con diversidade funcional pero cales son as dos seus familiares?

As barreiras mentais son as máis difíciles de superar. O medo e o prexuízo, tan limitadores, conducen á invisibilidade dos diferentes e, polo tanto, á exclusión social. Capacidade fronte a discapacidade.

  •  Deben poñer as familias a primeira pedra no camiño cara a inclusión? Cal é o poder da familia?

Naturalmente. As familias coñecemos a realidade da diversidade de primeira man porque convivimos con ela. Debemos asumir un papel activo na procura da inclusión. Temos o dereito e tamén o deber de concienciar e de reeducar á sociedade, informándoa e formándoa. As asociacións son un potente dinamizador cara a sensibilización.

  •  Que opinas deste tipo de iniciativas? Son necesarias para avanzar cara a inclusión?

Calquera iniciativa que persiga espertar e cambiar miradas. Todas son necesarias e imprescindibles, e todas teñen o meu apoio e respecto.

  •  Que agardas atopar nesta I Xornada Diversidade e Familia?

Espero e estou convencida de que, como toda iniciativa que promove a Asociación Íntegro, aportarame coñecemento e será unha oportunidade única de compartir experiencias e emocións. Unha nova ocasión de reafirmarme na importancia de crer nas persoas e nas súas capacidades. E, por suposto, serán unhas xornadas marcadas por la alegría e a esperanza.

  •  O que tamén poderán atopar os/as asistentes ao acto é o teu libro “La Mirada de Ángel”,  publicado IMG-20151127-WA0002recentemente. Como está a ser a acollida entre o público?

Unha experiencia preciosa e moi enriquecedora. Creo nas persoas e como as emoción son universais, ao mostrar as miñas sen filtros, devólvenme tamén emocións sinceras. Só recibo empatía, cariño e respecto e estou moi agradecida por elo.

  •  Trátase dunha obra autobiográfica, que é máis difícil, escribir ou contar a túa propia vida?

Son dous momentos vitais distintos. Mentres o escribía estaba vivindo os momentos máis intensos da miña vida, adaptándome a unha nova realidade. Contalo agora, coa distancia que dan os anos, é compartilo, e iso supón unha oportunidade de axudar a outras persoas que estean pasando pola mesma situación e demostrar que todos somos capaces, que as diferenzas enriquecen e que todos/as temos dereito a ser aceptados e respectados polo que somos, seres humanos.

cartel integro i xornada capacitate